A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o proxecto transfronteirizo IntegraSaúde para acelerar proxectos de innovación en saúde


  • ​O obxectivo de INTEGRASAÚDE é orientar os sistemas públicos de saúde da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal cara a unha atención centrada na persoa mediante a innovación tecnolóxica e sociosanitaria.
  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera este proxecto de 3 anos de duración, 8 socios e 1,2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, presentou no día de hoxe o proxecto IntegraSaúde, e cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) no salón de actos da Consellería de Sanidade. O acto foi inaugurado por Antonio Fernández-Campa, xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e clausurado por José Ramón Parada Jorgal, xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

O director da área de Desenvolvemento e Innovación sanitaria da ACIS, José María Romero, explicou os obxectivos de IntegraSaúde, impulsar a transformación dos sistemas públicos de saúde de Galicia e do Norte de Portugal cara a un modelo de atención verdadeiramente centrado na persoa, mediante catro eixes de actuación: o empoderamento do paciente e a accesibilidade universal ao sistema de saúde; o apoio á investigación en atención primaria e o reforzo da coordinación sociosanitaria; a promoción da innovación sanitaria bottom-up a través dunha rede de nodos de innovación eurorrexionais; e o descubrimento de capacidades xunto co desenvolvemento da conformidade normativa da intelixencia artificial en saúde.

Na segunda das mesas detalláronse iniciativas con resultados de proxectos trasnfronteirizos anteriores no que destacan o desenvolvemento da Plataforma de Innovación Sanitaria para canalizar as ideas da rede de Nodos de innovación do Servizo Galego de Saúde ou o proxecto de living lab transfronteirizo no que o SERGAS participa co living lab de saúde de Vigo.

Posteriormente, celebrouse unha mesa de innovación aberta organizada por 5 dos Nodos de innovación sanitaria. Aproveitouse para animar aos profesionais e pacientes á participación na VI edición dos premios de innovación en saúde cuxo prazo para a presentación de candidaturas remata o día 8 de xuño.

IntegraSaúde

O proxecto ten unha duración de tres anos (2026-2028) e mobilizará máis dun millón de euros no desenvolvemento e aceleración de proxectos de innovación en saúde, con impacto directo sobre pacientes, familiares e usuarios, así como na mellora de hospitais e centros de atención primaria na Eurorrexión.

O consorcio está integrado pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), beneficiario principal e coordinador, xunto coa Universidade de Vigo, centrada na investigación en innovación e ética da IA en
saúde, e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), que achega o ecosistema empresarial e a innovación sanitaria.

Tamén participan o i3S – Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto, en investigación biomédica transfronteiriza, e a Faculdade de Farmácia da Universidade do Porto (FFUP), enfocada no empoderamento do paciente e na accesibilidade.

Completan o consorcio a Santa Casa da Misericórdia do Marco de Canaveses, na atención social en contornas rurais, a Cruz Vermelha Portuguesa – Delegação de Braga, no apoio a colectivos vulnerables, e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), como socio estratéxico.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.