- Trátase dun proxecto coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), dentro do espazo Interreg Europe, centrado na medicina personalizada que fomenta un envellecemento activo e saudable da poboación.
- O proxecto conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e 7 rexións socias, e catro anos e medio de duración.
Atenas (Grecia), 7 de novembro de 2024.- Representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) asisten en Grecia durante os días 6 e 7 de novembro ao segundo dos cinco encontros previstos no marco do proxecto Interreg Europe HERCULES para compartir boas prácticas en innovación sanitaria dende a demanda dos sistemas públicos de saúde no eido da medicina personalizada centrada no envellecemento activo e saudable.
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde como líder do proxecto, conta coa colaboración e participación de diversos socios europeos para alcanzar as metas propostas de ata 6 países: Universidade de Twente (Países Baixos), Fondo de Desenvolvemento Rexional de Ática (Grecia), Municipio de Aarhus (Dinamarca), Rexión Västerbotten (Suecia), Rexión Emilia – Romaña (Italia), e Hospital St Jadwiga de Silesia en Trzebnica (Polonia).
Durante o encontro cada unha das rexións socias puido compartir a súa experiencia en boas prácticas baseadas na identificación de necesidades e retos innovadores, posibles operadores do mercado para abordar ditas necesidades e aspectos técnicos para a consecución dos proxectos innovadores. No caso de Galicia, o Director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero, puido relatar a experiencia de proxectos exitosos como Código 100, Innova MicroLab ou INNOVATRIAL, facendo especial fincapé no galardón outorgado polo Consello Europeo de Innovación (EIC) como gañadores dos I premios de Compra Pública de Innovación a nivel europeo.
HERCULES
En 2019, máis da quinta parte da poboación da Unión Europea tiña 65 anos ou máis, e as proxeccións indican que a porcentaxe de persoas de 80 ou máis anos multiplicaranse por dous. Por outra banda, a crise da Covid-19 amosounos a importancia das innovacións que sen dúbida poderán axudar ao ineludible proceso de transformación dos sistemas de saúde nun proceso máis proactivo, preventivo e personalizado.
O proxecto HERCULES pretende desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden esta temática, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. Buscarase a participación de tódolos axentes da quíntupla hélice (cidadáns, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia).