A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) coordinará o proxecto europeo TITTAN COVID-19 de intercambio de coñecemento e boas prácticas relacionadas coa Covid-19 no eido da saúde

  • O obxectivo do proxecto TITTAN é establecer unha rede de intercambio de boas prácticas con outras rexións europeas para potenciar a innovación e transferencia de tecnoloxía no eido da saúde.
  • O proxecto finánciase a través do Programa Interreg Europe e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva a nivel europeo.

 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2021.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) é a coordinadora do proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network), que ten como obxectivo establecer unha rede de intercambio de coñecemento con outras rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde. O proxecto finánciase a través do Programa Interreg Europe e conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros.

Trátase de compartir entre os membros boas prácticas para fomentar a innovación dende o exterior cara os sistemas sanitarios; potenciar a transferencia de tecnoloxías dende os sistemas sanitarios cara ao exterior; e involucrar á cidadanía na xestión do envellecemento e da saúde mediante o uso de hábitos, procesos e tecnoloxías innovadoras.

A Secretaría Conxunta de Interreg Europe anunciou en abril deste ano a apertura dunha convocatoria extraordinaria restrinxida a proxectos xa concedidos previamente nas convocatorias anteriores de Interreg para intercambiar boas prácticas relacionadas coa crise xerada pola Covid-19.

O proxecto ten a duración dun ano e comenzará en outubro deste ano. No marco do proxecto prevese un primeiro diálogo cos actores máis relevantes a nivel rexional para identificar as mellores prácticas relacionadas coa Covid-19 no eido da saúde potencialmente para ser transferidas a outras rexións europeas.

Durante o 2022 está previsto celebrar varias sesións de intercambio de experiencias en Escocia (Reino Unido), Saxonia (Alemaña), e no País Vasco. A conferencia final do proxecto será a cargo do coordinador do proxecto en Santiago de Compostela.

Baixo o liderado da ACIS participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); e o Digital Health & Care Innovation Centre (DHI de Escocia en Reino Unido).

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.