- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, participan no proxecto CIRCE como propietarios da boa práctica TELEA.
- Esta acción conxunta, cunha financiación de 12 millóns de euros e 47 entidades participantes de 14 Estados membros, ten como obxectivo a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria.
Santiago de Compostela, a 30 de maio de 2025.- A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, celebraron hoxe unha reunión en liña con representantes da rexión sueca de Norrbotten e das cidades italianas de Alejandría (Piemonte) e Módena (Emilia-Romagna), no marco do proxecto CIRCE-JA, Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care.
CIRCE-JA busca transferir de maneira efectiva 6 boas prácticas realizadas na atención primaria en 4 Estados membros (Bélxica, España, Portugal e Eslovenia) a 47 localizacións de 12 países europeos, fortalecendo a atención primaria e, con ela, os seus sistemas sanitarios.
O sistema de teleasistencia galego foi seleccionado por Norrbotten (Suecia), Módena (Emilia Romagna, Italia) e Alejandría (Piamonte, Italia), que o están pilotando nos seus respectivos sistemas sanitarios:
- O piloto sueco aplica a telemonitorización domiciliaria para pacientes con insuficiencia cardíaca e hipertensión arterial.
- Alejandría (Piamonte) decidiu integrar a telemonitorización na rutina diaria de atención clínica, co obxectivo de mellorar o seguimento e a calidade de vida de pacientes con discapacidades motoras severas ou enfermidades crónicas (ELA, Esclerose Múltiple, enfermidade de Parkinson, Distrofia Muscular e lesións medulares).
- Por último, Módena (Emilia-Romagna) implementou o sistema de telemonitorización en Atención Primaria para pacientes con enfermidades crónicas que residen en zonas xeograficamente illadas.
A reunión de seguimento celebrada este venres contou coa participación de representantes de ACIS e do SERGAS, do Servizo Andaluz de Saúde (SAS), entidade coordinadora do proxecto, así como das rexións implementadoras. Durante o encontro abordáronse os progresos de cada un dos pilotos e definíronse os próximos pasos.
En primeiro lugar, presentáronse e discutíronse os indicadores de avaliación do impacto da telemonitorización, desenvolvidos por ACIS, SERGAS e as entidades implementadoras. Estes indicadores empregaranse para realizar un análisis do impacto da iniciativa en termos operacionais, clínicos e de satisfacción nos sistemas sanitarios dos tres implementadores.
A continuación, revisáronse os datos de alcance do proxecto, comparando o número de pacientes, equipos e profesionais involucrados na implementación e os que se espera alcanzar ao final do proxecto.
Ademais, examinouse o estado actual de cada piloto, abordando os últimos avances, desafíos e áreas susceptibles de mellora nos próximos meses.
Para rematar, abordáronse as estratexias e accións previstas para consolidar os avances realizados, optimizar procesos e garantir a sostibilidade da telemonitorización a longo prazo e a súa escalabilidade.
A reunión permitiu consolidar o avance da implementación e definir os próximos pasos a seguir, reafirmando o compromiso de traballo colaborativo entre todas as partes involucradas para garantir a optimización e integración efectiva da telemonitorización nos sistemas de saúde implementadores a longo prazo.