Sanidade participa na reunión anual da Joint Action CIRCE en Varsovia, na que transferirán o sistema de telemonitorización galego a outras rexións europeas

 

  • O Servizo Galego de Saúde a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) forman parte do proxecto europeo CIRCE destinado á transferencia e implantación de boas prácticas na atención primaria, que conta cun orzamento de máis de 12 millóns de euros.

Varsovia (Polonia), 22 de marzo de 2024.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, participaron na reunión anual do proxecto europeo Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care (CIRCE), destinado a transferir e implementar boas prácticas no ámbito da atención primaria.

Unha das seis boas prácticas obxecto de transferencia seleccionadas pola Comisión Europea é o sistema de teleasistencia domiciliaria para seguimento e contacto entre enfermo crónicos e profesionais sanitarios (TELEA), que será transferida e implantada nas rexións europeas de Norrbotten (Suecia), Piemonte, Teramo, Emilia-Romagna (Italia).
 
A reunión anual do proxecto, celebrada os días 21 e 22 de marzo de 2024 en Varsovia, e retransmitida en liña, estruturouse en dúas xornadas e contou coa participación de ACIS e o SERGAS, representado por Alfonso Alonso Fachado, Subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación; Blanca Cimadevila, Xefa do Servizo de Integración Asistencial; e Daniel Simón Valero, Coordinador do Nodo de Innovación da área sanitaria de Vigo.
 
A primeira sesión comezou cun discurso de benvida por parte dos representantes do Fondo Nacional de Saúde de Polonia (NFZ), anfitrións do evento, e coa intervención dos coordinadores do proxecto, o Servizo Andaluz de Saúde de Saúde (SAS). A continuación, tras unha breve presentación dos asistentes, interviñeron os líderes de cada un dos paquetes de traballo nos que se organiza o proxecto, para expoñer o traballo realizado desde o inicio desta acción conxunta e as actividades que se levarán a cabo nos próximos meses no marco do proxecto.
 
Tras unha breve pausa, abríronse mesas redondas sobre tres das boas prácticas obxecto de transferencia: Integrated Health Association-ASI (Valonia, Bélxica), TELEA- Home telemonitoring in Primary Care for chronic disease and Covid-19 (Galicia, España); e Integrated care for complex chronic patients: Personalised care action plans-PAPs (Andalucía, España).
 
A mesa redonda sobre TELEA, estivo liderada por Alfonso Alonso Fachado así como representantes de ACIS. Durante a súa presentación abordaron os elementos clave do sistema de telemonitorización galego, as actividades de transferencia realizadas e  analizaron os plans de implementación iniciais presentados polas rexións que adaptarán o sistema de telemedicina galego aos seus respectivos territorios (Piemonte, Teramo e Modena, e Norbotten). Ademais, abriuse unha quenda de debate entre o SERGAS, ACIS e as entidades piloto e anunciouse a celebración dunha visita in situ a Santiago de Compostela no mes de abril, na que as rexións implementadoras poderán coñecer de primeira man o sistema de telemonitorización galego.
 
A segunda xornada comezou con mesas redondas sobre as boas prácticas de Cataluña (Essencial Project: Adding value to clinical primary care practice), Portugal (Health Action for Children and Youth at Risk’ & ‘Health Action for Gender, Violence and Lifecycle’) e Eslovenia (Health Promotion Centres-HPCs).
 
Para finalizar este encontro, o equipo de coordinación realizou un breve resumo das cuestións máis importantes abordadas durante o evento, así como dos retos e obxectivos futuros.
 
O resultado deste encontro foi a análise das actividades realizadas durante o primeiro ano da joint action CIRCE, reforzar lazos entre as rexións participantes e sentar as bases para o traballo que se desenvolverá nos próximos meses para conseguir a efectiva implementación das 6 boas prácticas obxecto de transferencia nos sistemas sanitarios das rexións piloto e, deste xeito, reforzar a atención primaria nos estados membros participantes.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.