Sanidade organiza un encontro no marco do proxecto europeo CIRCE para compartir o seu sistema de teleasistencia con rexións de Suecia e Italia

 

  • A acción conxunta CIRCE ten por obxectivo a transferencia e implantación de boas prácticas no ámbito da atención primaria e conta cun orzamento de máis de 12 millóns de euros.
  • Sanidade transfire o seu modelo de teleasistencia aos sistemas sanitarios de Teramo, Módena, Alessandria (Italia), e Norrbotten (Suecia).
 
Santiago de Compostela, a 23 de abril de 2024.- O Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) acolleron un encontro no marco do proxecto europeo Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care (CIRCE), destinado a transferir e implementar boas prácticas no ámbito da atención primaria de 4 estados membros (Bélxica, España, Portugal e Eslovenia) entre os 12 países participantes restantes.
 
Unha das boas prácticas obxecto de transferencia seleccionadas pola Comisión Europea é TELEA, o sistema de teleasistencia domiciliaria para seguimento e contacto entre enfermos crónicos e profesionais sanitarios. Sanidade colaborará coas áreas sanitarias de Teramo, Módena e Alessandria (Italia), e a rexión sueca de Norrbotten para transferir, adaptar e implementar o modelo de teleasistencia galego nestes territorios.
 
Ao encontro, celebrado os días 22 e 23 de abril, asistiron representantes da rexión sueca de Norrbotten e do Consello Nacional de Saúde e Benestar de Suecia, das autoridades sanitarias de Módena, Teramo, Alessandria, e de AGENAS (Axencia Nacional de Servizos Rexionais de Saúde de Italia), así como membros do SERGAS e ACIS.
 
A primeira xornada tivo lugar na Consellería de Sanidade. Tras a benvida aos representantes das rexións implementadoras e a rolda de presentacións, interviñeron membros da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da ACIS para explicar aos asistentes as principais características do sistema sanitario galego e a súa aposta pola innovación, que situou a Galicia como unha das rexións de referencia europea no desenvolvemento, adopción e escalado de prácticas innovadoras.
 
Pola tarde, a sesión estivo presidida polo Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e contou coa participación do Xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa. A continuación, representantes do Servizo de Tecnoloxías da información do SERGAS abordaron a dimensión tecnolóxica de TELEA. Por último, os relatores explicaron a orixe e evolución da teleasistencia en Galicia, os diferentes escenarios e puntos de partida dos sistemas sanitarios europeos que implementarán TELEA e os retos aos que se enfrontan neste proceso.
 
Durante a segunda sesión, os asistentes trasladáronse á cidade de Vigo. Alí, visitaron o centro de saúde de San Paio de Navia no que puideron presenciar como se integra a teleasistencia na rutina de traballo dos profesionais sanitarios e o seu funcionamento desde a perspectiva do paciente. A continuación trasladáronse ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde foron recibidos polo equipo de xerencia e visitaron a Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO), o programa de Hematoloxía Domiciliaria (HEDO) e a  Unidade de Rehabilitación Cardíaca para coñecer o desempeño de TELEA no ámbito hospitalario.
 
Este encontro permitiu ás delegacións sueca e italianas coñecer como se desenvolveu e integrou TELEA na atención primaria e hospitalaria do sistema sanitario galego e analizar cómo adaptar e implementar o modelo de teleasistencia nas súas rexións.
 
Por último, o xoves 26 de abril, Sanidade recibiu no marco do proxecto CIRCE-JA a Maximiliam Schwarz, en representación do WP7 (paquete de traballo de Capacitación) para entrevistar a José María Romero Fidalgo, Director da Área de Desenvolmento e Innovación Sanitaria na ACIS, e Alfonso Alonso Fachado, Subdirector xeral de Xestion Asistencial e Innovación no SERGAS. Estas entrevistas tiñan por obxectivo coñecer as cuestións organizativas e de financiamiento relacionadas co modelo de teleasistencia galego.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.