Reábrese o prazo de inscripción para presentar proxectos innovadores en saúde para o Living Lab de Ourense

A iniciativa está dirixida a empresas, empresarios a título individual e organismos de investigación.
A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia, Labsaúde, da que forma parte o Living Lab de Ourense, busca iniciativas novidosas para testar e introducir no sistema público de saúde.
 
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020.- A partir do 1 de xuño reábrese o prazo de presentación de proxectos que participarán no Living Lab de Ourense para o ano 2020. O trámite reanúdase logo do parón provocado pola crise da Covid-19 e as entidades poden presentar a súa proposta ata o vindeiro 1 de setembro.
 
A participación no Living Lab está aberta a iniciativas de carácter innovador, xa sexa produto ou servizo, en procesos e/ou no modelo de negocio tanto no sector sanitario ou biomédico como noutros sectores transversais, como alimentación, TIC, novos materiais, construción, electrónica e robótica. Os proxectos que se presenten deben ter capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, con potencial comercial e de xerar retornos, aínda que sexa a longo prazo.
 
Living Lab de Ourense
Os proxectos seleccionados poderán participar no Living Lab de Ourense, da Rede Labsaúde. Neste espazo os responsables dos proxectos disporán dunha contorna real na que testar as súas iniciativas e prototipos e disporán do apoio de todos os axentes que forman parte deste laboratorio.
 
O Living Lab de Ourense é o primeiro laboratorio da Rede Labsaúde e aúna ao Sergas, universidade, centros de investigación, empresas, organismos de apoio do sector da biomedicina e da biotecnoloxía e á sociedade. Trátase dun espazo de creación, que promove a innovación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento dun tecido empresarial emprendedor no sector da saúde.
 
O Living Lab de Ourense dispón dunha contorna de hospitalización experimental situada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con escenarios clínicos de gran desenvolvemento tecnolóxico no que testar as iniciativas seleccionadas. Así, os equipos dos proxectos seleccionados poderán poñer en práctica as súas ideas nas zonas de planta de hospitalización experimental, salas de terapia e outros espazos de uso terapéutico, como un horto e un parque biosaludable. O hospital conta ademais cunha zona para traballar a través da interactuación e do intercambio de coñecemento.
 
No Living Lab de Ourense traballan en base ás liñas de innovación marcadas como prioritarias, todas elas moi centradas nos doentes, que son: atención ao doente maior e/ou crónico; emponderamento de doentes e cidadáns; tecnoloxías da información e telecomunicacións; robótica e realidade virtual; impacto do ambiente na estadía hospitalaria; e outras iniciativas máis abertas que busquen mellorar a calidade de vida e atención sanitaria recibida polos usuarios.
 
Rede Labsaúde
A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia, coñecida como Labsaúde, nace como unha organización intermedia que busca conectar os proxectos e produtos cos usuarios finais. Estes laboratorios son plataformas de innovación e tecnoloxía que involucran a todos os axentes do eido sanitario, promoven a experimentación e favorecen o desenvolvemento de solucións innovadoras en función da demanda social. Son espazos reais nos que desenvolver e probar as iniciativas innovadoras que parten das empresas e entidades de investigación.
 
 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.