A quinta edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia tivo unha gran acollida, presentáronse un total de 72 candidaturas, das que resultaron dez finalistas, cinco na modalidade de pacientes e outras 5 na modalidade de profesionais.
Esta foi a segunda edición na que se entregaron dous premios en cada unha das modalidades. Na modalidade de pacientes, o proxecto gañador foi “Mellora da transición cara a fase post-hospitalaria das familias con dano cerebral” , presentado pola Asociación dano cerebral adquirido de Ourense (RENACER), que ten como obxectivo complementar a atención tras a fase de hospitalización das familias que sufriron unha situación tan adversa como a que constitúe un episodio de dano cerebral .
O segundo premio foi para a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), que presentou o proxecto “The Mind Guardian”, unha aplicación que permite, de maneira áxil, o cribado de sinais de deterioro cognitivo xa que o diagnóstico precoz é un elemento crave na abordaxe deste tipo de enfermidades.
Por outra banda, en canto á modalidade de profesionais, o proxecto gañador foi “Implantación dos protocolos de Xestión Enfermeira da Demanda (XED)”, que conta xa con preto de 20 protocolos activos na actualidade e está pilotado dende o centro de saúde da Estrada.
O segundo premio foi para o equipo de fisioterapia comunitaria da A.S. Vigo, que presentou “Activa a túa saúde”, un programa que combina a educación para a saúde co exercicio terapéutico, facilitando a integración coa comunidade.