- O novo espazo de Living Lab no eido da saúde, situado no Hospital Meixoeiro, permitirá testar solucións innovadoras en contornas reais do sistema sanitario público galego.
- No acto entregáronse os convenios de participación coas oito entidades cuxos proxectos innovadores foron seleccionados para testar no Living Lab
- O evento reuniu a empresas, profesionais do ecosistema de innovación en saúde, ademais dos socios do proxecto Innov4life dotado con 1,5 millóns de euros cofinanciados polo programa Interreg España-Portugal (POCTEP) no que se encadra a iniciativa do Living Lab de Vigo.
Vigo, 5 de maio de 2026.– No salón de actos do hospital Meixoeiro de Vigo, tivo lugar o acto de entrega dos convenios de participación no Living Lab de Saúde de Vigo no marco do proxecto Innov4life. Trátase dun espazo destinado á experimentación e validación de solucións innovadoras, en contornas reais, do sistema sanitario público de Galicia, especializado no ámbito das demencias e deterioros cognitivos e encadrado na Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE).
O acto, organizado pola Área Sanitaria de Vigo do Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), contou coa presenza dos seus respectivos xerentes e do conselleiro de Sanidade. Este puxo en valor o papel estratéxico da innovación en saúde como motor de transformación do sistema sanitario e destacou a súa contribución na mellora da calidade asistencial e da eficiencia, así como no reto demográfico, compartido tamén co no norte de Portugal, foco deste Living Lab.
Os oito proxectos pertencen a empresas do sector da saúde, biomedicina e innovación sanitaria e teñen obxectivos variados.
Concretamente, o proxecto LIVEWELL, da empresa Dimensiona Consultoría Tecnolóxica, S.L, presenta unha plataforma de analítica clínica conectada que integra un dispositivo portátil que interpreta resultados e suxire accións segundo guías clínicas.
O proxecto SIDF, de Entrena y salud Soc. Coop. Galega, achega unha plataforma dixital de avaliación integral para a detección precoz de fraxilidade en maiores.
Outro dos proxectos seleccionados é VACOGRIP, de Gripwise Tech, LDA (Portugal), qie desenvolve un dinamómetro médico con sensores avanzados que conectados a unha plataforma dixital permiten a avaliación rápida da forza, a fraxilidade, a mobilidade e a estimación do risco de caídas.
O proxecto MIND3D, do Grupo Tecnolóxico Arbinova, S.L., introduce un método de planificación neurocirúrxica personalizada para pacientes con meninxiomas asociados á deterioración cognitiva ou demencia temperá.
O proxecto OPTIMAG-DEM, de Qubiotech Health Intelligence, S.L., ofrece unha ferramenta que planifica a mellora do proceso diagnóstico de demencia e/ou deterioros cognitivos mediante biomarcadores de neuroimaxe.
O proxecto D40PRO-LLV, de Ad hoc developments S.L., achega un terminal asistencial mixto adaptado no que se combina, nun dispositivo fixo, funcións de vídeo, comunicación, teleasistencia e coordinación profesional, cun módulo de comunicación avanzada compatible con sensores IoT (temperatura, movemento, humidade, caída, pulsador de emerxencia, porta etc.) para a creación dun entorno domótico asistencial.
Pola súa banda, outros dos proxectos seleccionados, SERENIA, presentado por Serenia Solutions S.L., presenta un asistente virtual intelixente para acompañamento emocional, estimulación cognitiva e apoio personalizado a persoas maiores, que emprega tecnoloxías de IA e machine learning para manter conversacións naturais con elas e monitorizar cambios en emocións, linguaxe e patróns de uso.
O proxecto InmeRsiVa, de Insati Innovation, S.L, emprega a realidade virtual inmersiva como ferramenta terapéutica non farmacolóxica para a estimulación cognitiva de pacientes con deterioro cognitivo leve ou moderado.
O proxecto Innov4life está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg VI-A, Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (POCTEP) 2021-2027, e conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.
Ademais do Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), son socios deste proxecto a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e AFAGA Alzhéimer, en Galicia; e a Universidade de Porto, a Santa Casa da Misericórdia de Riba D’Ave e o Parque de Ciéncia e Tecnología da Universidade de Porto (UPTEC), en Portugal.
Por último, aproveitouse a presenza de todos os socios do proxecto Innov4life para celebrar a sétima reunión presencial do consorcio. Na xuntanza, fíxose balance do traballo levado a cabo ata o momento e avanzouse na planificación das últimas actuacións do proxecto, con especial atención á consolidación da rede de Living Labs transfronteiriza e á posta en valor dos resultados acadados.