Convocatoria de axudas a Proxectos de Xeración de Coñecemento 2026


No BOE de data 2 de outubro de 2026 publicouse o Extracto da Resolución do 30 de setembro de 2026 da Axencia estatal de Investigación pola que se aproba convocatoria 2026 de axudas a «Proxectos de Xeración de Coñecemento» e actuacións para a formación de persoal investigador de predoutoramento, cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos Nacional de Subvencións, con identificador BDNS: 918664


A convocatoria ten por obxecto financiar a realización de proxectos de investigación  orientada e non orientada dirixidos tanto a fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada como a avanzar cara a procura de solucións aos desafíos da sociedade, impulsando para iso actuacións tanto no ámbito nacional como no bilateral internacional.


Existen dúas modalidades de proxectos:


- Proxectos de «Investigación Non Orientada», sen orientación temática previamente definida, que teñen como obxectivo primordial o avance do coñecemento, independentemente do horizonte temporal e o seu ámbito de aplicación

- Proxectos de «Investigación Orientada», que buscan o avance do coñecemento orientado á resolución de problemas concretos e vinculados ás prioridades temáticas asociadas aos grandes desafíos da sociedade, que se recollen no AnexoIII.


Dentro das modalidades indicadas, os proxectos poderán ser de dous tipos, dependendo do perfil de investigador/a principal que lidere o equipo de investigación:

a) Proxectos tipo A, liderados por mozos investigadores/as con contribucións científico-técnicas relevantes e innovadoras e capacidade de liderado.
b) Proxectos tipo B, liderados por investigadores/as consolidados/as.


Así mesmo , poderanse financiar actuacións encamiñadas á formación de persoal investigador de predoutoramento mediante a realización dunha tese doutoral asociada aos proxectos de investigación mencionados.


Entre a finalidade e obxectivos específicos desta convocatoria atopamos: xerar capacidades de investigación e a colaboración e internacionalización dos equipos que traballan en organismos de investigación, publicar os resultados da investigación en foros de alto impacto científico e tecnolóxico, a transferencia da tecnoloxía, a internacionalización das actividades e fomentar esquemas de cooperación científica mais potentes.


A contía total máxima destas axudas é de 724.000.000 euros


O prazo de presentación das solicitudes vai desde  o 3 de novembro  ata o 24 de novembro de 2026 ás 14:00 horas (hora peninsular).


No lateral dereito dispoñedes da resolución, o extracto e as fichas resumo da convocatoria.




Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.