O 28 de novembro celebrouse no salón de actos da ACIS a xornada do novo programa H2020 para o período 2018-2020, no que participaron investigadores de centros sanitarios, universidades e empresas.
Un dos obxectivos fixados desde a Consellería de Sanidade de Galicia, dentro da súa estratexia, é impulsar un modelo de investigación baseado na innovación e focalizado nos problemas de saúde dos cidadáns, que fomente a participación dos profesionais e asegure a interacción da administración, organizacións de coñecemento (universidades e centros sanitarios) e empresas. Para potenciar este modelo fixáronse varias actuacións e unha delas é facilitar o acceso aos programas de investigación máis relevantes da Unión Europea. H2020 é un programa de financiamento da Investigación e a Innovación na Unión Europea que está dotado para o período 2014-2020 cun orzamento total de case 80.000 millóns de euros.
A ACIS, como axencia da Consellería encargada de promover a investigación e a innovación dentro do noso sistema, organizou esta xornada coa intención de que os investigadores galegos dispoñan de información actualizada sobre este programa antes de que se lancen as distintas convocatorias do próximo período e axudalos a detectar aqueles tópicos onde os seus traballos de investigación poidan encaixar. Para iso contouse coa presenza de Juan Riese, Punto Nacional de contacto de saúde, cambio demográfico e benestar do programa H2020 e Asesor científico do ISCII e dous exitosos investigadores galegos dentro deste programa, Tomás Sobrino e Javier Montenegro.
Juan Riese presentou as novas oportunidades dentro do reto 1: Saúde Cambio demográfico e benestar e presentou as convocatorias ERC e Marie Curie dentro do alicerce de Ciencia Excelente. Ademais proporcionou consellos prácticos para a preparación de novas propostas de maneira exitosa.
Tomás Sobrino, coordinador do proxecto PANA e Javier Montenegro, como exemplo de Starting Grant, estiveron encargados de contar a súa experiencia durante a preparación das súas propostas, leccións aprendidas e compartiron consellos valiosos para aqueles que queiran presentar unha proposta gañadora dentro deste programa tan competitivo.
Por último, aquelas persoas que mostraron interese puideron ter entrevistas bilaterais con Juan Riese para resolver dúbidas concretas relacionadas coa preparación de novas propostas.
Desde a ACIS queremos agradecer a súa presenza aos relatores e aos asistentes nesta primeira xornada do programa H2020.