ACIS presenta o Living Lab de saúde de Ourense no evento 'Europe, let's cooperate!' organizado por Interreg Europe

Este evento é un dos maiores foros de cooperación da Comisión Europea.
A Rede de Livings Labs de Saúde de Galicia, LABSAÚDE, da que forma parte o Living Lab de Ourense busca iniciativas novidosas para testar e introducir no sistema público de saúde.
 
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020.- O pasado 9 de xuño tivo lugar a edición online do foro 'EUROPE, LET'S COOPERATE! Organizado por Interreg Europe. Nesta ocasión ACIS participou para presentar os resultados do proxecto europeo TITTAN, liderado desde Galicia, no que participan outras 6 rexións europeas. No marco deste proxecto desenvolveuse a acción piloto do Living Lab de Saúde de Ourense.  Máis de 1.000 persoas de todos os puntos de Europa participaron neste evento a través das canles sociais de Interreg.
 
O evento deste ano foi diferente ao resto de edicións, primeiro porque debido á pandemia orixinada pola COVID-19 tivo que celebrarse online e, segundo, porque nesta edición se centrou en axudar a ás rexións a enfrontarse á crise xerada por esta enfermidade a ser máis resistentes.
 
Un dos puntos principais do encontro foi a presentación de solucións de distitos proxectos europeos que servisen de inspiración para fortalecer a cooperación e achegar unha mellor cobertura neste difícil momento. Entre os 4 proxectos elixidos estaba o TITTAN, liderado por ACIS, no que participan Galicia, País Vasco, Escocia, a cidade de Almere, Lombardía, Saxonia e Baixa Silesia. O obxectivo deste proxecto é fortalecer a innovación no sector sanitario para acadar así un envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, un dos colectivos máis afectados pola pandemia.
 
Por parte de ACIS o encargado de presentar o proxecto do Living Lab de Saúde de Ourense foi José María Romero Fidalgo, director a Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, que explicou os resultados obtidos ata o de agora e as liñas básicas do proxecto piloto implantado en Ourense, co que se pretende testar o modelo de Living Labs de Saúde antes de estendelo a todo o sistema sanitario galego.
 
Rede de Living Labs de Saúde de Galicia
O Living Lab de saúde de Ourense é o primeiro da Rede LABSAÚDE e aúna ao Servizo Galego de Saúde, Universidade, centros de investigación, empresas, organismos de apoio do sector da biomedicina e da biotecnoloxía e á sociedade. Trátase dun espazo de creación, que promove a innovación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento dun tecido empresarial emprendedor no sector da saúde.
 
O Living Lab de Ourense dispón dun entorno de hospitalización experimental situado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con escenarios clínicos de gran desenvolvemento tecnoloxócio no que testar iniciativas seleccionadas. Así, os equipos dos proxectos seleccionados poden poñer en práctica as súas ideas nas zonas de planta de hospitalización experimental, salas de terapia e outros espazos de uso terapéutico, como unha horta e un parque biosaudable.
 
Esta iniciativa  pretende continuar a traxectoria de Galicia que a levou ao recoñecemento por parte da Comisión Europea como rexión de referencia europea con catro estrelas no desenvolvemento de prácticas innovadoras, no marco da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA).
 
 
Máis información: labsaude.sergas.gal

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.