3. Plans de formación complementaria

Os plans complementarios proporcionan aos especialistas en formación coñecementos non incluídos nos programas específicos de cada especialidade, pero que son igualmente necesarios para desenvolver unha óptima práctica profesional. Ademais, achegan aos residentes formación en temas básicos que lles axudan a iniciar o seu período de residencia con seguridade.

Os centros e unidades acreditadas para a formación sanitaria especializada do Sergas desenvolve​n anualmente dous programas de formación complementaria:
  • Programa común complementario. Está dirixido a todos os residentes, principalmente aos que se incorporan á formación. Ademais de abordar temas médicos como a resucitación cardiopulmonar, a electrocardiografía básica e protocolos básicos de urxencias, contempla a formación en materias transversais como a bioética, a xestión clínica elemental, a medicina baseada na evidencia e a metodoloxía da investigación.
  • Programa específico complementario. Trátase dun programa máis específico. O seu contido decídeo a Comisión de Docencia a partir da análise das necesidades formativas individuais ou dun grupo de residentes dunha ou varias especialidades, dando prioridade ás que sexan máis importantes dende o punto de vista docente, para as que promoverán as accións formativas necesarias.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.