Sanidade celebra a V edición dos premios de innovación en saúde do Sistema público de saúde de Galicia


  • ​O evento desenvolveuse de xeito presencial dende o Salón de Actos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a cargo do Nodo de innovación da área sanitaria de Vigo e coa colaboración da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

Vigo, 30 de setembro de 2025.- O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acolleu a celebración do acto de entrega da V edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia. O acto estivo presidido polo xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, e contou coa asistencia  do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; a directora da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil; o director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero; e Daniel Simón, o coordinador do Nodo da Área Sanitaria de Vigo.

A xornada comezou cunha conferencia inaugural a cargo de Javier Puente, Xerente da Área Sanitaria de Vigo.

A quinta edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia tivo unha gran acollida, presentáronse un total de 72 candidaturas, das que resultaron dez finalistas, cinco na modalidade de pacientes e outras 5 na modalidade de profesionais.

Esta foi a segunda edición na que se entregaron dous premios en cada unha das modalidades. Na modalidade de pacientes, o proxecto gañador foi “Mellora da transición cara a fase post-hospitalaria das familias con dano cerebral” , presentado pola Asociación dano cerebral adquirido de Ourense (RENACER), que ten como obxectivo complementar a atención tras a fase de hospitalización das familias que sufriron unha situación tan adversa como a que constitúe un episodio de dano cerebral .

O segundo premio foi para a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), que presentou o proxecto “The Mind Guardian”, unha aplicación que permite, de maneira áxil, o cribado de sinais de deterioro cognitivo xa que o diagnóstico precoz é un elemento crave na abordaxe deste tipo de enfermidades.

As demais candidaturas finalistas foron “Realidade virtual para a rehabilitación de persoas con parálise cerebral”, presentada  pola Asociación de pais de persoas con parálisis cerebral- ASPACE CORUÑA; “Centro funcional NEUROGAL”, presentada pola Asociación Galega contra as enfermidades neuromusculares – ASEM Galicia; e “Aférrate”, que foi presentada pola Asociación Cidadá de loita contra a droga – ALBORADA.

Por outra banda, en canto á modalidade de profesionais, o proxecto gañador foi “Implantación dos protocolos de Xestión Enfermeira da Demanda (XED)”, que conta xa con preto de 20 protocolos activos na actualidade e está pilotado dende o centro de saúde da Estrada.

O segundo premio foi para o equipo de fisioterapia comunitaria da A.S. Vigo, que presentou “Activa a túa saúde”, un programa que combina a educación para a saúde co exercicio terapéutico, facilitando a integración coa comunidade.

As demais candidaturas finalistas foron “PKPDrugs”, presentado polo equipo Farma CHUS Lab; “So-idade”, presentado polo Grupo de Soidade non desexada de traballo social de atención primaria de A.S. Vigo; e “Neurasvi”, proposto por Daniel Apolinar García Estévez.

O peche do acto estivo a cargo do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que deulles a noraboa aos gañadores, animou a todos os profesionais, pacientes, asociacións... a que sigan participando activamente nas futuras edicións destes Premios de Innovación en Saúde e deu as grazas a todos os participantes e profesionais da saúde pola súa dedicación e esforzo diario.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.