- Socios galegos e portugueses lanzaron a principios desta semana en Oporto o proxecto transfronteirizo INNOV4LIFE.
- A iniciativa, cun orzamento global de 1,5 millóns de euros, ten como obxectivo facilitar a validación de novas solucións dixitais no eido da Saúde e establecerá un living lab transfronteirizo entre as dúas rexións.
Porto, 29 de novembro de 2023.- Lanzouse oficialmente o proxecto INNOV4LIFE. As entidades de ambos lados da fronteira que integran o consorcio deron xuntos o primeiro paso formal este luns e martes (27 e 28 de novembro), na cidade de Oporto, coa Kick-Off Meeting do proxecto.
Coa coordinación do Centro de Competencia para o Envellecemento Activo e Saudable da Universidade de Oporto, Porto4Ageing, un total de sete organizacións forman o consorcio. Catro son galegas: a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e AFAGA Alzheimer. UPTEC e a Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave son membros portugueses.
En tres anos, INNOV4LIFE establecerá un living lab transfronteirizo entre as rexións de Galicia e Norte de Portugal. Isto permitirá axudar a pechar a fenda entre os innovadores con tecnoloxías que necesitan ser validadas (unha fase crucial dun proceso de innovación) e os usuarios finais que forman parte do grupo demográfico aos que se dirixen estas solucións. Créanse así as condicións que permiten probar a recepción e adopción de solucións dixitais para a Saúde entre os usuarios finais, na súa propia contorna. O foco da iniciativa comezará coa demencia e a dexeneración cognitiva. O proxecto conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros. Está financiado nun 75% por fondos europeos.
Programa INTERREG POCTEP
O proxecto INNOV4LIFE está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg – Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). O programa promove a cooperación entre diferentes rexións europeas en problemas ou cuestións compartidas por ambas.