O proxecto ImageDataSpace permitirá aproveitar imaxes médicas dixitais para mellorar a atención sanitaria e fomentar a innovación en saúde


  • O proxecto xorde da necesidade de aproveitar o vasto potencial que ofrecen as imaxes médicas dixitais para mellorar a atención sanitaria e fomentar a innovación en saúde.
  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) é beneficiaria do proxecto que contou cun orzamento aproximado de 445.000 euros e un ano aproximado de execución con cargo aos fondos Next Generation EU.

Santiago de Compostela, 27 de agosto 2026.- Este mes de agosto, conclúe o proxecto ImageDataSpace impulsado pola Consellería de Sanidade, as áreas sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e Ferrol do Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). O proxecto dun ano aproximado de duración e un orzamento que rolda os 445.000 euros, xurdiu da necesidade de aproveitar o vasto potencial que ofrecen as imaxes médicas dixitais para mellorar a atención sanitaria e fomentar a innovación en saúde. 

ImageDataSpace está financiado a través de fondos europeos correspondentes ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia-Next Generation EU (Programa Espazos de Datos Sectoriais) na convocatoria de 2024 para a concesión de axudas, no ámbito da dixitalización, para a transformación dixital dos sectores produtivos estratéxicos mediante a creación de demostradores e casos de uso de Espazos de Compartición de Datos do Ministerio de Transformación Dixital.

A solución técnica achegada a través do proxecto ImageDataSpace, uTILE, comezará a funcionar con máis de 1.500 imaxes médicas preparadas para a súa utilización en proxectos de investigación e intelixencia artificial. A iniciativa pon en marcha un espazo federado de datos de imaxe médica con tres primeiros casos de uso centrados en cancro de próstata, oftalmoloxía e cardiopatía isquémica.

O obxectivo é transformar imaxes clínicas en conxuntos de datos preparados para investigación, desenvolvemento e validación de ferramentas de intelixencia artificial. O proceso comeza coa recollida das imaxes, continúa coa súa seudonimización e co depósito e etiquetaxe, e culmina coa xeración de datos etiquetados que se incorporan á plataforma de xestión do espazo.

Desde esta plataforma pódese consultar que conxuntos están dispoñibles, as súas características e as condicións de uso establecidas para cada caso.

A primeira fase articúlase ao redor de tres casos de uso. O primeiro, liderado desde Anatomía Patolóxica do CHUF (Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol), está relacionado co cancro de próstata. O segundo, coordinado en Oftalmoloxía, tamén do CHUF, céntrase no edema macular diabético. O terceiro, de Cardioloxía do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), corresponde á cardiopatía isquémica.

O Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Universidade da Coruña traballará cos datos do caso de Oftalmoloxía para avanzar na detección do edema macular diabético mediante intelixencia artificial. As imaxes, previamente recollidas, seudonimizadas e etiquetadas, poderán utilizarse para analizar patróns asociados a esta patoloxía e desenvolver ferramentas de apoio á súa identificación.

Este caso servirá como un dos primeiros exemplos de explotación real da solución achegada a través do proxecto ImageDataSpace, datos xerados na contorna sanitaria, preparados e xestionados dentro do espazo, e posteriormente utilizados por un grupo investigador para abordar unha necesidade clínica concreta.

Coa súa entrada en funcionamento, ImageDataSpace busca facilitar que a información clínica poida converterse, de forma segura e controlada, en datos útiles para investigación, desenvolvemento de modelos de intelixencia artificial e mellora da práctica sanitaria.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.