Galicia participa no Comité Europeo das Rexións en Bruxelas no evento final do proxecto Invest4Health para a busca de novos modelos innovadores basados na prevención e promoción da saúde xunto coa Asociación Galega de Fibrose Quística


  • O encontro reúne responsables políticos, expertos europeos e investidores para avanzar en novos enfoques de investimento en saúde e benestar
  • Invest4Health é unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa con 5,5 millons de euros e tres anos e medio de duración, orientada ao desenvolvemento de modelos innovadores de financiamento para a promoción da saúde, a prevención de enfermidades e a redución das desigualdades en saúde.

Bruxelas (Bélxica), 29 de maio de 2026.- No día 28 de maia celebrouse no Comité Europeo das Rexións en Bruxelas o evento final do proxecto europeo Inves4Health no que a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) forma parte. Na xornada asistiu o Director da área de Desenvolvemento de Innovación Sanitaria, José María Romero e a Xestora do proxecto Invest4Health, Beatriz Salgado. Acompañando aos representantes da ACIS, participou na xornada o Presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan Antonio da Silva, quen tamén lidera a Federación Española de Fibrose Quística.

A xornada reuniu responsables políticos, expertos internacionais, investigadores, profesionais da saúde e representantes do ámbito financeiro para analizar como avanzar cara a modelos de investimento máis sostibles e orientados á prevención. Baixo o lema “Mobilising New Financial Approaches for Equitable Health and Wellbeing”, o evento serviu para presentar os principais resultados acadados ao longo dos máis de tres anos de duración do proxecto e debater as posibilidades de aplicación práctica dos modelos desenvolvidos.

No marco do encontro, Galicia participou como rexión piloto presentando a súa experiencia no desenvolvemento dun proxecto centrado na telemedicina para mellorar a atención a pacientes con fibrose quística a través da ferramenta TELEA do Servizo Galego de Saúde. Esta iniciativa explora novas fórmulas de financiamento baseadas no modelo Smart Capacitating Investment (SCI), orientadas a reforzar a prevención, mellorar os resultados en saúde e promover unha atención máis personalizada e eficiente.

Durante o evento abordáronse cuestións relacionadas coa mobilización de investimento público e privado en saúde, a escalabilidade dos modelos de financiamento innovadores, os mecanismos de gobernanza e as implicacións políticas da incorporación de novas fórmulas de investimento en promoción da saúde e benestar. Ademais, as rexións piloto compartiron experiencias e aprendizaxes derivadas da implementación das accións desenvolvidas no marco do proxecto.

Ao día seguinte, os socios do consorcio mantiveron unha reunión interna de peche centrada na avaliación do evento final, a revisión do impacto acadado polo proxecto e a identificación das principais aprendizaxes obtidas durante a súa execución. Así mesmo, analizáronse os seguintes pasos para garantir a continuidade e transferencia dos resultados acadados unha vez rematada a iniciativa europea.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.