Galicia participa na conferencia anual do European Forum for Primary Care en Stuttgart (Alemaña), onde se presentan os avances na transferencia da boa práctica de teleasistencia TELEA no marco do proxecto CIRCE-JA


  • ​O encontro, celebrado baixo o lema “Driving Primary Care Transformation: People, Technology, and Care Navigation”, reúne a profesionais, investigadores e responsables sanitarios europeos para abordar os retos e oportunidades da transformación da atención primaria.
      
Stuttgart (Alemaña), 8 de setembro de 2026.- Representantes do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) participaron os días 7 e 8 de setembro na conferencia anual do European Forum for Primary Care (EFPC) 2026, que se celebrou no Hospitalhof de Stuttgart baixo o título “Driving Primary Care Transformation: People, Technology, and Care Navigation”. O encontro reuniu representantes de diferentes países europeos para compartir coñecemento e experiencias sobre a transformación da atención primaria.

A participación galega enmárcase no proxecto europeo CIRCE-JA (Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care), no que o SERGAS e ACIS participan como propietarios dunha das seis boas prácticas seleccionadas para a súa transferencia a outros sistemas sanitarios europeos: o sistema galego de telemonitorización domiciliaria TELEA. Financiado polo programa EU4Health, o proxecto ten como finalidade fortalecer os sistemas sanitarios mediante a transferencia e implementación de seis boas prácticas baseadas na evidencia en 40 centros ou contornas asistenciais de 12 Estados membros.

Durante a conferencia celebrouse o obradoiro “From the original to the copy: transforming primary healthcare in Europe through transferring innovative practices. Experiences from the CIRCE-JA initiative”, dedicado a analizar o proceso de transferencia e implementación das boas prácticas de CIRCE-JA e os resultados acadados ata o momento.

A sesión contou con representantes dos propietarios e das rexións implementadoras de varias das boas prácticas do proxecto, que compartiron as súas experiencias de adaptación aos respectivos sistemas sanitarios. O obradoiro tivo un formato participativo, con presentacións breves e espazos de debate, e abordou as dificultades de adaptación, as solucións adoptadas durante a implementación e as aprendizaxes transferibles a outros contextos.

No caso da boa práctica galega, Pablo Cófreces, do Servizo Galego de Saúde, participou como representante de Galicia xunto con Sofi Nordmark, da rexión de Norrbotten (Suecia), encargada da súa implementación no territorio. Ambos presentaron a experiencia de transferencia do sistema TELEA, centrado na incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á atención primaria para facilitar o seguimento a distancia de pacientes e favorecer modelos de atención máis accesibles e centrados nas persoas.

A presentación permitiu dar a coñecer o proceso de transferencia de TELEA desde o sistema sanitario galego cara a outras contornas europeas, así como os principais retos e aprendizaxes derivados da súa adaptación e implementación. Norrbotten é unha das rexións que está a incorporar actualmente esta boa práctica galega no marco de CIRCE-JA, xunto con outras rexións de Italia.

A participación de Galicia neste foro europeo permite visibilizar a experiencia do sistema sanitario galego no desenvolvemento e transferencia de solucións innovadoras en atención primaria e reforza o intercambio de coñecemento con outras rexións. Así mesmo, contribúe aos obxectivos de CIRCE-JA de favorecer a adopción de boas prácticas baseadas na evidencia e impulsar sistemas de saúde máis accesibles, integrados, sostibles e centrados nas necesidades das persoas.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.