- A visita permitiu coñecer experiencias innovadoras de economía circular, reciclaxe téxtil e modelos empresariais sostibles aplicados ao ámbito sanitario.
- O proxecto no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e unha duración de catro anos, coordinado pola Provincia de Gelderland (Países Baixos).
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026.- Entre os días 9 e 11 de xuño celebrouse en Iași (Romanía) a terceira Visita de Aprendizaxe Interrexional (Interregional Learning Event, ILE 3) do proxecto Interreg Europe CEMTex, no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). En representación de Galicia asistiron o director da Área de Desenvolvemento de Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero, e a xestora do proxecto CEMTex, Marta Groba. Acompañando os representantes da ACIS participaron o director de Asuntos Económicos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos do Servizo Galego de Saúde, Juan Francisco Insua, e a coordinadora da estratexia de economía circular do SERGAS, Beatriz Piñeiro de GALARIA EPSS.
O encontro reuniu os socios europeos do proxecto co obxectivo de intercambiar coñecementos e boas prácticas para avanzar cara a modelos máis sostibles e circulares no uso de téxtiles sanitarios. Durante as distintas sesións de traballo, representantes de administracións públicas, centros sanitarios, universidades, empresas e organismos de innovación compartiron experiencias relacionadas coa reutilización de materiais, a redución de residuos téxtiles e o desenvolvemento de novas solucións aliñadas cos principios da economía circular.
No marco da reunión presentáronse os resultados do estudo de mapeado desenvolvido polo proxecto, así como diversas iniciativas de investigación e innovación impulsadas por entidades académicas e empresariais da rexión anfitrioa. Así mesmo, déronse a coñecer diferentes casos prácticos centrados na aplicación da economía circular aos téxtiles médicos, abordando aspectos relacionados coa reutilización, a reciclaxe, a xestión de residuos e a sostibilidade da cadea de valor téxtil. Os participantes tamén puideron coñecer a situación actual do sector en Ucraína e as oportunidades existentes para impulsar sistemas de reciclaxe e valorización de materiais téxtiles.
A visita incluíu ademais percorridos por dúas organizacións de referencia na rexión do Nordeste de Romanía. Os socios coñeceron de primeira man a actividade de UtilDeco, entidade que combina os principios da economía social e da economía circular mediante iniciativas de recuperación e valorización de materiais, así como as instalacións de Majutex, empresa especializada en solucións téxtiles funcionais e sostibles. Estas experiencias permitiron identificar exemplos de boas prácticas transferibles a outras rexións europeas participantes no proxecto.
A última xornada estivo centrada na revisión dos avances acadados polo consorcio e na posta en común das aprendizaxes obtidas durante as actividades desenvolvidas ata a data. Os socios presentaron tamén a evolución das accións que están impulsando nos seus respectivos territorios para favorecer a incorporación de criterios de sostibilidade e circularidade na xestión dos téxtiles sanitarios.
Así mesmo, Galicia participou activamente nunha sesión de revisión por pares liderada polo Instituto Tecnolóxico Danés, na que o Servizo Galego de Saúde actuou como rexión avaliadora dos instrumentos de política pública da rexión anfitrioa. Esta actividade permitiu compartir a experiencia galega en materia de sostibilidade e economía circular aplicada ao ámbito sanitario, contribuíndo a identificar novas oportunidades de mellora e futuras liñas de actuación para favorecer a transición cara a modelos máis circulares.