Convocatoria dos Premios de Investigación en Saúde de Galicia PISGa 2025

No DOG de data 20 de novembro de 2025 publicouse o Extracto da Resolución do 12 de novembro de 2025, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde pola que se aproban e publican as bases reguladoras dos Premios de Investigación en Saúde (PISGa) para o ámbito de Galicia no marco do proxecto TRANSFIRESAÚDE do Programa de Cooperación Interreg VI-A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027 e procédese á súa convocatoria para o ano 2025, cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos Nacional de Subvencións, con identificador. BDNS: 869530


O obxectivo destas axudas é difundir, promover e premiar o coñecemento e a investigación sanitaria traslacional, de carácter preclínico e clínico, desenvolta polos profesionais do sector público da saúde de Galicia. Os premios teñen o dobre obxectivo de, por unha parte, recoñecer e dar apoio a proxectos e liñas de investigación sanitaria en atención primaria dos/as profesionais que desenvolven a súa actividade en centros de saúde de atención primaria no servizo galego de saúde e nas súas entidades públicas de investigación e, por outra, impulsar e recoñecer aquelas traxectorias científicas emerxentes dos investigadores vinculados o sector público sanitario de Galicia, para consolidar un ecosistema de investigación traslacional no ámbito sanitario que propicie a transferencia do coñecemento á práctica asistencial.

Establécense dúas modalidades con dous premios económicos por modalidade:
 
a) Modalidade Premio a Proxectos de Investigación Sanitaria en Atención Primaria: os premios consistirán na adquisición de material e pequeno equipamento non inventariable, subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vencellados ás actividades das ideas seleccionadas e/ou na asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa liña de investigación, a un centro de investigación de ámbito internacional ou nacional ou actividades relacionadas.

b) Modalidade Premio a Traxectorias Emerxentes de Investigación en Saúde: os premios consistirán na asistencia a cursos de formación, congresos científicos internacionais ou nacionais, artigos ou publicacións en revistas científicas especializadas ou actividades relacionadas.
 
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes e comezará a contar o seu cómputo o día seguinte ao da publicación destas bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

No lateral dereito dispoñedes a Convocatoria .

Na parte inferior dispoñedes dun pequeno vídeo resumo da convocatoria.


Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.