CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA O MANTEMENTO DA INFRAESTRUTURA DE MEDICINA DE PRECISIÓN ASOCIADA Á CIENCIA E TECNOLOXÍA IMPaCT 2026


No B.O.E. de data 1 de agosto do 2026 publicouse o Extracto da Resolución de 30 de xullo da Dirección do Instituto de Saúde Carlos III, O​.A., M.P., pola que se aproba a convocatoria para o ano 2026 de concesión de subvencións para o mantemento da Infraestrutura de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e Tecnoloxía (IMPaCT) da Acción Estratéxica en Saúde (Liñas Estratéxicas de Investigación en Saúde 2024-2027). O texto completo pódese consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións, con identificador BDNS : 922602



O obxecto desta resolución é a aprobación da convocatoria de concesión de subvencións dirixida ao mantemento e a implementación dos tres programas desenvolvidos e vinculados á Infraestrutura de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e Tecnoloxía (en diante, IMPaCT). Estes programas están deseñados para potenciar a xeración e transferencia de coñecemento da máis alta calidade no Sistema Nacional de Saúde, asegurando a excelencia científicotécnica, a equidade e a eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles.


Con esta actuación preténdese:


a) Manter e implementar a infraestrutura IMPaCT configurada a partir de tres eixos:

Cohorte, Data e Xenómica. IMPaCT ten como misión establecer e trasladar o coñecemento necesario que sustente e facilite o despregamento efectivo da Medicina Personalizada de Precisión, que supón un cambio de paradigma e un reto na implementación dunha abordaxe preventiva, diagnóstico e terapéutico personalizado, máis eficaz e seguro para cada paciente


b) Xerar unha capacidade de análise inmediata de datos obtidos que permita unha resposta coordinada e inmediata para facilitar unha análise de vida real especialmente útil ante calquera urxencia científica que afecte á Saúde Pública.


c) Orientar a investigación cara aos problemas de saúde a través da implementación real da Medicina de Precisión no SNS.


d) Potenciar a participación e liderado de España en proxectos, programas, plataformas e infraestruturas internacionais de I+D+i orientadas á Medicina de Precisión e a Ciencia de Datos.


e) Fomentar a innovación orientada á implementación da Medicina de Precisión como instrumento que contribúe á sustentabilidade e eficiencia do SNS.


As propostas que se presenten a esta convocatoria deberán encadrarse nun dos seguintes programas, tal e como se indica no plan estratéxico de IMPaCT:


a) Medicina Preditiva: aborda o deseño e establecemento dunha cohorte de base poboacional representativa da poboación residente en España, a súa variabilidade étnica, diversidade xeográfica e ambiental, coa participación de todas as CC.AA. e seguimento prospectivo


b) Ciencia de Datos: oriéntase ao desenvolvemento e validación dunha contorna de integración e análise conxunta de datos clínicos, moleculares e xenéticos, facilitando o acceso e análise da información xenómica.


c) Medicina Xenómica: promove o establecemento dunha infraestrutura cooperativa

distribuída en varios nodos para a realización de estudos xenéticos de alta complexidade baseado en tecnoloxías do ámbito da investigación.


A contía total máxima de esta convocatoria é de 50.000.000,00 de euros.


O prazo de presentación de solicitudes é dende o 8 de setembro ata o 29 de setembro de 2026 ás 15 horas( hora peninsular española).


No lateral dereito dispoñedes dun acceso á resolución ,ao extracto da resolución e as fichas resumo da convocatoria.


Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.