- O proxecto New Health, dotado cun orzamento de case 7 M€ no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), pretende xerar cambios estruturais no sistema sanitario, comezando polos eidos da oncoloxía e as enfermidades cardiovasculares
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou hoxe a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na vangarda europea da innovación sanitaria co impulso do proxecto New Health de colaboración transfronteiriza centrada no paciente e orientado aos eidos da oncoloxía e a cardioloxía.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu no acto de clausura da presentación deste proxecto liderado pola Fundación Pública Galega de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) e no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)
Na súa intervención no acto, o titular de Sanidade agradeceu aos doutores José Ramón González Juanatey e Rafael López López o seu liderado científico neste proxecto de cooperación transfronteiriza, que reflicte o enorme potencial investigador galego e o papel clave que xogan os institutos de investigación sanitaria da nosa comunidade á hora de conectar coñecemento, innovación e práctica clínica con outros territorios.
New Health nace co obxectivo de impulsar un modelo sanitario más eficiente, innovador e centrado no paciente, reforzando a cooperación entre Galicia e el Norte de Portugal en ámbitos clave como a medicina personalizada, a dixitalización da saúde e a integración de datos clínicos.
Gómez Caamaño puxo de relevo a capacidade que terá o proxecto de New Health para promover cambios estruturais no sistema sanitario, integrando asistencia, investigación e innovación nun mesmo modelo, co obxectivo de acadar unha sanidade máis eficaz e vangardista.
Tamén indicou o conselleiro que, deste proxecto, dotado con case 7 M€, destaca sobre todo o seu enfoque, posto que, máis alá da tecnoloxía e da innovación, pon no centro do sistema ao paciente, o que representa o maior acerto.
Trátase -proseguiu Gómez Caamaño- de avanzar cara unha sanidade máis próxima, máis equitativa e máis eficiente, capaz de dar resposta aos grandes retos actuais que son o envellecemento da poboación ou o aumento das enfermidades crónicas, sen perder nunca a perspectiva humana que define a práctica clínica.
No acto interviu tamén o Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde sobre o ecosistema galego de innovación en saúde e as colaboracións institucionais como fin para lograr os obxectivos do proxecto.
Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.