Galicia asiste ao diálogo político sobre atención primaria no Comité Europeo das Rexións no marco da acción conxunta europea CIRCE


  • O evento enmárcase no proxecto europeo CIRCE-JA, cuxo obxectivo é promover a transferencia e implementación de seis boas prácticas en atención primaria en 40 novas contornas asistenciais distribuídos en 12 Estados membros.
  • Sanidade participa no proxecto como propietario dunha das boas prácticas obxecto de transferencia: o sistema galego de telemonitorización, TELEA, que actualmente está a ser implementado en Alexandría e Módena (Italia) e Norrbotten (Suecia).

Bruxelas (Bélxica), 27 de xuño de 2025.- Representantes do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) participaron este venres, 27 de xuño, no Policy Dialogue do proxecto europeo CIRCE-JA, celebrado na sede do Comité Europeo das Rexións, en Bruxelas. A xornada reuniu a responsables políticos, expertos en saúde pública e representantes institucionais de varios Estados membros para abordar os retos actuais e futuros da Atención Primaria en Europa.

Durante o encontro expuxéronse os avances logrados durante a execución de CIRCE-JA en aspectos crave como: a adaptación local das prácticas innovadoras, a formación de profesionais, os primeiros impactos observados na atención sanitaria e os desafíos na sustentabilidade destas iniciativas.

A xornada contou coa participación de representantes da Comisión Europea, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o propio Comité Europeo das Rexións, así como autoridades sanitarias das rexións europeas que participan no proxecto CIRCE-JA. A delegación española incluíu representantes do Servizo Andaluz de Saúde (SAS), o Servizo Madrileño de Saúde (SERMAS) e a Axencia de Calidade e Avaliación Sanitarias de Cataluña (AQuAS), entre outros. En representación do sistema sanitario galego, asistiron ao evento Alicia Piñeiro, Subdirectora Xeral de Integración Asistencial e Innovación da Dirección de Asistencia Sanitaria do SERGAS e José María Romero, Director da área de Desenvolvemento e Innovación de ACIS.

Durante a sesión, Rocío Hernández Soto, Conselleira de Saúde e Consumo da Junta de Andalucía, ofreceu unha exposición centrada na evolución da atención primaria en España. Así mesmo, desenvolvéronse mesas redondas sobre os desafíos de implementación das boas prácticas nos distintos territorios participantes, destacando a importancia da atención integrada para pacientes crónicos e vulnerables, a promoción da saúde comunitaria e o fortalecemento dos equipos multidisciplinares.

A delegación galega utilizou a súa intervención para resaltar o impacto transformador da telemonitorización na Atención Primaria, presentando datos da súa implementación no sistema sanitario galego, a diversidade e o alcance dos protocolos actuais e o rexistro masivo de biomedidas. Ademais, exploraron os potenciais desenvolvementos da teleasistencia, como o envorcado automático de datos, a integración de algoritmos de intelixencia artificial para a priorización clínica e a evolución cara a novos modelos de atención preditiva e preventiva que anticipen as necesidades do paciente. Esta visión estratéxica do futuro, consolida o papel da telemonitorización como alicerce fundamental da sanidade do futuro.

A participación da Consellería de Sanidade neste foro europeo reafirma o seu compromiso coa mellora continua da atención primaria, a aprendizaxe compartida entre rexións e a colaboración internacional como vía para construír sistemas de saúde máis resilientes, equitativos e centrados nas persoas.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.