ACIS recibe a visita dunha delegación de Escocia, Baixa Silesia, Saxonia e País Vasco para coñecer de primeira man, as iniciativas "E-Saúde" e "Rehabilitación cardíaca" no marco do proxecto TITTAN

Durante os días 18 e 19 de xuño o Servizo Galego de Saúde, e a ACIS, acolleron unha delegación de Escocia procedente do Digital Health & Care Institute (DHI); do goberno rexional de Baixa Silesia en Polonia; de Saxonia en Alemaña procedente do Healthy Saxony (HS); e do servizo de saúde e da Fundación de Innovación e Investigación Sanitaria (BIOEF) do País Vasco. Esta visita está enmarcada dentro das actividades do proxecto europeo TITTAN do cal estas delegacións forman parte e a ACIS é coordinadora do mesmo.​​


O primeiro día da visita, os nosos compañeiros Javier Quiles del Río -Xefe do Servizo da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da información do Servizo Galego de Saúde- e Marta Sande -Oficina do proxecto IANUS- mostráronlles a plataforma IANUS e Telea como punto de partida. IANUS ofrece ós profesionais da saúde o acceso ó historial clínico electrónico do paciente con independencia do hospital, clínica ou centro de saúde público, mentres que Telea é a plataforma de teleasistencia domiciliaria para pacientes crónicos.

 

20180618_093530.jpg 
 
Pola tarde, trala comida institucional presidida polo Secretario Xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada e a Xerente da Axencia de Coñecemento de Saúde ACIS, Beatriz Allegue Requeijo, presentouse a plataforma E-Saúde, ferramenta que permite ós cidadáns/usuarios do sistema de saúde galego consultar os datos persoais da súa historia clínica e información sobre a súa medicación en calquera dispositivo fixo ou móbil.

 

Durante o segundo día da visita, os socios de Escocia e Baixa Silesia visitaron in situ o Centro de Saúde Galeras en Santiago de Compostela acompañados por Jorge Prado -Xefe do Servizo de Soporte e Implantación-, para coñecer o manexo de IANUS por parte dos profesionais da saúde.

 

20180619_095018.jpg 
 
A xornada finalizou coa visita de toda a delegación ó Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), onde Carlos Peña Gil -especialista en cardioloxía- presentou o programa de rehabilitación cardíaca, un programa que comezou en setembro de 2015, supervisado por profesionais para axudar ás persoas a recuperarse de ataques cardíacos, cirurxía cardíaca e procedementos de intervención coronaria percutánea. O CHUS alberga tamén un ximnasio onde se ofrece adestramentos e exercicios específicos para pacientes con problemas cardíacos. A rehabilitación complétase cunha reunión dunha hora na que participan os pacientes, as súas familias e un equipo multidisciplinar de expertos.

 

 

20180619_132022.jpg 
 

 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.