A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde acolle un taller do proxecto Invest4Health para definir os próximos pasos na implementación do piloto sobre telemonitorización para pacientes con fibrose quística

 

  • ACIS participa no proxecto Invest4Health en calidade de socio, conformando un consorcio de 18 entidades de 8 países. O proxecto ten unha duración de 3 anos e medio e un presuposto de 5,5 M. euros.
  • A Asociación Galega de Fibrose Quística colabora no proxecto para o desenvolvemento do piloto de telemonitorización liderado pola Subdirección de Xestión Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde.
 
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), no marco do proxecto europeo Invest4Health, celebrou o pasado luns 4 de novembro un taller de "foresight exercise". O evento reuniu a varios socios do proxecto, concretamente das entidades EuroHealthNet e IESE Bussiness School (Universidade de Navarra), a membros da Asociación Galega de Fibrose Quística, así como a persoal da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS e da Subdirección de Xestión Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde.
 
O obxectivo desta sesión foi explorar posibles escenarios futuros para a promoción da saúde e a prevención de enfermidades en Galicia, e deseñar un plan de acción para alcanzalos, dividindo a xornada en dúas partes.
 
A primeira comezou cunha presentación sobre o funcionamento e obxectivo da ferramenta SCIROCCO. Coa utilización desta ferramenta por todos os participantes, conseguiuse unha visión clara das dimensións nas que Galicia está máis preparada e aquelas nas que é necesario seguir traballando para reforzalas.
 
Durante a segunda parte do taller seleccionáronse as tendencias máis relevantes para o contexto de Galicia. Con base nestas tendencias elixidas, imaxinouse un escenario futuro preferido en Galicia no que se aumentaran (con éxito) os recursos para a promoción da saúde en 2040.
 
A partir do escenario futuro creado para Galicia, fíxose un exercicio de "backcasting" imaxinando os pasos concretos que habería que dar de aquí a 2025, 2030, 2035 para poder chegar a ese escenario futuro. Unha vez feito isto, elabourouse un plan de acción conxunto, determinando qué factores poden apoiar ou ameazar o noso progreso, en qué aspectos pode axudarnos a formación ou a experiencia dos socios do proxecto Invest4Health a alcanzar a nosa visión e quen máis debe participar.
 
Este taller xerou un valioso marco de traballo para orientar as futuras accións en materia de saúde en Galicia, colocando o foco na prevención e a promoción da saúde.
 
Invest4Health
 
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) forma parte do proxecto europeo Invest4Health, destinado a incentivar novos modelos de financiamento para a promoción da saúde e a prevención de enfermidades.
 
O proxecto Invest4Health enmárcase dentro das accións de investigación e innovación (RIA) de Horizonte Europa e ten por finalidade garantir o acceso a unha asistencia sanitaria innovadora, sostible e de calidade, promovendo novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios.
 
A acción Invest4Health está coordinada pola rexión sueca de Skåne e conta ca participación dun total de 18 entidades de ata 8 países. O proxecto ten unha duración de 3 anos e medio e conta cun orzamento de 5,5 M. euros.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.