EIT Health, unha nova comunidade de coñecemento e innovación en saúde
O Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) é un organismo independente da UE. Este instituto ten como obxectivo fortalecer a capacidade de innovación dos países da Unión Europea propiciando o talento empresarial e apoiando as ideas novas.
Do mesmo xeito, o EIT ten como misión contribuír á competitividade de Europa, ao seu crecemento económico sustentable e á creación de emprego mediante o fomento e o reforzo das sinerxias e a cooperación entre empresas, institucións de ensino e organizacións de investigación.
O Instituto reúne aos compoñentes do «triángulo de coñecementos» dos ámbitos empresarial, académico e investigador para formar alianzas transfronteirizas dinámicas: as comunidades de coñecemento e innovación (CCI / Knowledge and Innovation Communities - KIC):
- Climate-KIC: aborda os problemas relativos ao cambio climático.
- EIT Dixital: xera TIC de talla mundial.
- KIC InnoEnergy: ocúpase da enerxía sustentable.
- EIT Health: mellora da calidade de vida dos cidadáns europeos e sustentabilidade dos sistemas de atención sanitaria e asistencia social.
- EIT Raw Materials: o seu obxectivo é garantir a accesibilidade, a dispoñibilidade e o uso sustentable das materias primas para a economía e os cidadáns.
EIT Health é o maior organismo europeo para a innovación en saúde e ten como misión acelerar o emprendemento e a innovación en vida saudable e envellecemento activo, proporcionando novas oportunidades e recursos para o beneficio de todos os cidadáns.
A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é socio do nodo EIT Health Spain, xunto con outras entidades de toda España, entre elas -universidades, empresas, centros de investigación, hospitais e centros tecnolóxicos- todas elas líderes no seu sector e comprometidas coa innovación en saúde e o seu impacto na mellora da calidade de vida dos cidadáns.