Premios 2023 de Investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual

 

O pasado venres 1 de decembro de 2023 celebrouse, no Salón de Actos da Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela, o día mundial da SIDA. Neste evento, analizouse o estigma no ámbito sanitario sobre a VIH e as ITS e o abordaxe das mesmas dende a Saúde Pública mediante conferencias e relatorios. Ademais, e como cúspide do acto, pois esta era a finalidade do mesmo, fíxose entrega dos Premios de Investigación sobre VIH e outras Infeccións de Transmisión Sexual ás persoas investigadoras autoras de artigos relacionados con estas.

Para facer posible a entrega de premios, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) resolveu aprobar a proposta da convocatoria dos Premios de investigación do VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual 2023. Deste xeito, o 5 de outubro de 2023 publícase no DOG Núm. 190 a Resolución do 27 de setembro de 2023 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras dos Premios de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2023

A finalidade destes premios é promover a investigación neste eido, darlle publicidade á investigación galega e recoñecer o labor do persoal investigador.

A dotación económica dos premios foi a seguinte:
  • O primeiro premio, dotado con 3.000 € para a persoa asinante do artigo mellor valorado.
  • O segundo premio, dotado con 1.500 € para a persoa asinante do segundo artigo mellor valorado.
  • Dous accésits, dotados de 500 € cada un, para as persoas asinantes do terceiro e cuarto artigo mellor valorados respectivamente.
      
As persoas candidatas a estes premios serán as persoas físicas investigadoras, cuxa investigación fose realizada en institutos, centros, universidades ou axencias de investigación galegas así como calquera centro galego que aborde este tipo de patoloxías e que consten como primeiras autoras de artigos publicados no ano 2022, relacionados directamente coa infección polo VIH e as demais ITS.

No lateral dereito, deixámosvos anexados os arquivos e ligazóns de interese.
 
 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.