A simulación médica avanzada permite recrear escenarios que imitan contextos reais de actuación da forma máis fiel posible para facilitar a aprendizaxe, a práctica e a asimilación de habilidades no coidado da saúde.
A Axencia de Coñecemento en Saúde pon á disposición dos profesionais do Servizo Galego de Saúde a Escola de Simulación Médica Avanzada, cunha dotación de recursos que a sitúa ao mesmo nivel de calidade que calquera centro de referencia do mundo.
Equipamento. A Escola de Simulación conta con equipos de última tecnoloxía que fan posible o adestramento de habilidades en situacións moi fieis á realidade:
- Simuladores avanzados. Trátase de manequíns interactivos que permiten ao alumno practicar o diagnóstico e o tratamento e ao instrutor cambiar de forma remota as condicións do paciente. Están dotados de respiración espontánea, control de vía aérea, voz, sons, presión sanguínea e electrocardiograma. O centro está dotado de dous manequíns:
- SimBaby. Simulador do paciente lactante para adestramento de emerxencias con cativos acabados de nacer e bebés.
- SimMan 3G. Simulador do paciente adulto altamente sofisticado, sen cables e con capacidade para ser controlado de xeito remoto por varios instrutores.
- Dispositivos para practicar técnicas de atención en urxencias:
- Fibrobroncoscopios de última xeración.
- Respiradores de transporte, alta frecuencia oscilatoria e en modalidades de ventilación non invasiva.
- Manequíns de adestramento de vías venosas centrais.
- Manequíns de adestramento de punción lumbar.
- Manequíns de adestramento de toracocentese.
- Material necesario para o adestramento avanzado na asistencia ao politraumatismo.
- Cabezas de intubación.
- Dispositivos para a videolaringoscopia.
- Módulos de avaliación da calidade das compresións torácicas.
Modelo de aprendizaxe. Mentres un grupo de profesionais resolve o caso clínico proposto, o resto obsérvano e despois valoran a actuación en tempo real na sala de sesións. As intervencións dos participantes no caso clínico simulado rexístranse en tempo real en audio e vídeo para ser discutidas posteriormente cos instrutores e os compañeiros. Esta dinámica favorece a corrección dos posibles erros cometidos e permite optimizar o proceso da aprendizaxe.