Código 100 é un plan de innovación sanitaria centrado no paciente co que ACIS recolle e optimiza a experiencia e as boas prácticas adquiridas a través de InnovaSaúde e H2050.
As actuacións contempladas neste plan, entre as que se continúa a estratexia de compra pública innovadora, terán como eixe central a resposta temperá ao cambio demográfico e o fomento dun novo sistema sanitario preparado para liderar o envellecemento activo e saudable.
Ante as estimacións de que no 2020 a poboación galega maior de 65 anos acadará o 24,5% do total, Código 100 está deseñado para adiantarse ao futuro transformando e implementando un novo modelo sanitario capaz de xestionar con éxito o reto que supón esta evolución demográfica.
Lonxe de buscar impactos puntuais a través de proxectos illados, o gran valor do plan reside en promover un modelo de innovación centrado nun reto común e capaz de integrar a todos os membros do sistema, dende os profesionais sanitarios ata os pacientes.
As liñas de actuación prioritarias de Código 100 son:
Novas terapias e dispositivos, servizos e protocolos que respondan ás principais prioridades asistenciais e sociosanitarias de Galicia
Poñeranse en marcha novas iniciativas de compra pública precomercial e compra pública de tecnoloxía innovadora, destinadas a cubrir as demandas asistenciais e sociosanitarias estratéxicas para Galicia a través de solucións avanzadas. Ademais, na súa liña de incorporación de novas fórmulas de xestión do coñecemento, ACIS promoverá a introdución de tecnoloxías dende as empresas, dando así entrada ao desenvolvemento conxunto de produtos e servizos innovadores detectados dende a oferta.
Proxectos destinados a un maior empoderamento dos pacientes
Desenvolverase un conxunto de ferramentas e contidos multimedia nunha contorna multicanle (web, redes sociais, televisión) que facilite a prevención e a autoxestión da saúde dos pacientes, ademais do intercambio de información entre eles, o sistema sanitario e os seus profesionais. Estes sistemas serán capaces de personalizarse de xeito automatizado e intelixente e a información e os servizos ofrecidos estarán adaptados ás necesidades, intereses e preferencias particulares do usuario en materia de saúde e estilo de vida.
Iniciativas que incrementen as competencias dos profesionais, modernicen o sistema e fomenten unha cultura innovadora
Deseñaranse sistemas de xestión de profesionais en base a competencias, é dicir, en relación ás habilidades requiridas nos seus postos de traballo. Isto permitirá optimizar e aproveitar ao máximo, a través de ferramentas innovadoras, a experiencia e o coñecemento adquiridos polos profesionais no desempeño das súas funcións. O resultado será unha organización intelixente e sólida baseada na calidade, no talento e na cohesión do seu equipo humano. A posta en marcha desta iniciativa por parte de ACIS será unha experiencia pioneira, xa que non se coñecen precedentes na xestión por competencias no ámbito concreto dos sistemas de saúde.