Soporte hepático extracorpóreo da insuficiencia hepática mediante o sistema Prometheus®.

Este informe realizouse a petición da Comisión Asesora para a Incorporación de Técnicas, Tecnoloxías e Procedementos como solicitude de autorización para a incorporación do procedemento na Carteira de Servizos do Sistema Sanitario Público de Galicia.


A insuficiencia hepática consiste nunha incapacidade do fígado para levar a cabo as súas funcións metabólicas e de excreción e detoxificación de sustancias. En principio, tanto a insuficiencia hepática aguda como a deterioración dunha hepatopatía crónica compensada son situacións reversibles, non así o empeoramento producido nun paciente cunha enfermidade hepática terminal.

O único tratamento que demostrou mellorar o prognóstico dos casos máis graves de insuficiencia hepática é o transplante do órgano, aínda que o seu custo e a escaseza de doantes obrigou a buscar novas terapias de substitución que sirvan de "ponte" para o transplante ou que faciliten a recuperación das funcións hepáticas, como o sistema Prometheus®, que consiste nunha plasmaféresis ou filtración da albúmina do paciente, seguida de absorción.

Este traballo ten como obxectivo avaliar a eficacia e a seguridade do sistema de soporte hepático extracorpóreo Prometheus® no tratamento da insuficiencia hepática.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.