- A Universidade de Santiago de Compostela, a través do IPsiUS e a Facultade de Psicoloxía e dentro do proxecto Innov4life, organizou un obradoiro sobre reserva e resiliencia cognitivas.
- A ocasión aproveitouse para realizar a quinta reunión presencial do consorcio de socios do proxecto, incluíndo ACIS e SERGAS.
- Na reunión acordouse a liña temporal para a instalación do Living Lab do proxecto e a convocatoria de apoios a empresas e outras institucións para que participen en testeos ou pilotaxes de solucións dixitais en saúde nos Living Labs do proxecto.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025.- O xoves, 10 de xullo, tivo lugar, dentro do proxecto INNOV4LIFE, o Obradoiro Galego-Portugués sobre Reserva e Resiliencia no Deterioro Cognitivo, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, como socia do proxecto, e que contou con asistencia de relatores nacionais e internacionais expertos na materia. Aproveitouse, ademais, a presencia de todos os socios do INNOV4LIFE para a realización da quinta reunión presencial do consorcio.
A obradoiro comezou pola mañá coa recepción das persoas participantes, maioritariamente de Galicia e do Norte de Portugal e, tras a presentación da materia, tivo lugar unha mesa redonda na que se analizaron e puxeron en valor varias investigacións sobre reserva cognitiva na eurorrexión, con intervencións de investigadores das Universidades de Minho, da Universidade de Aveiro e da propia Universidade de Santiago. Proseguise na xornada da tarde cunha conferencia impartida polo recoñecido profesor da Universidade de Columbia, Yaakov Stern, quen explicou a evolución dos conceptos de reserva e resiliencia cognitiva, os estudos sobre eles, e os seus factores determinantes. O día terminou coa visita ao CiTIUS das persoas participantes no obradoiro, que foi presentada polo seu director científico, Senén Barro, e na que se afondou sobre o traballo deste centro singular de investigación da USC cun especial foco nas solucións de saúde dixital, obxecto de interese do proxecto INNOV4LIFE.
Por outra banda, aproveitouse a presencia de todos os socios do proxecto INNOV4LIFE (a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Universidade de Santiago de Compostela e Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer- AFAGA, por parte de Galicia e a Universidade de Porto, o UPTEC – Parque de Tecnología da Uporto e a Santa Casa da Misericordia de Riba D’Ave (SCMRA) pola parte portuguesa) para realizar a quinta reunión presencial do consorcio. Nesta reunión, o consorcio fixo balance do estado das actividades realizadas ata o momento no proxecto e se avanzaron as súas próximas actuacións, establecendo a liña temporal para unha das accións máis relevantes do proxecto: a convocatoria do programa de apoios a empresas e outras entidades para testar ou pilotar solucións de saúde dixital nos Living Labs do proxecto.
O proxecto INNOV4LIFE ten por obxectivo crear un Ecosistema Transfronteirizo de Innovación Colaborativa en Saúde Dixital na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a xeración de protocolos adecuados, a investigación, a formación e, sobre todo, o establecemento dunha rede de Living Labs transfronteiriza que sirva ás dúas rexións para testar solucións de saúde dixitais en contornas reais. O INNOV4LIFE está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg – Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.