O SERGAS e a ACIS presentan CEMTex, proxecto europeo de economía circular nos téxtiles sanitarios aos axentes relevantes do sector


  • É a única rexión española participante nesta iniciativa, que busca unha actuación conxunta para lograr un maior uso dos materiais téxtiles médicos
  • A maioría das emisións dos hospitais proceden de produtos como batas, mascarillas e sabas, que contribúen aos 5,8 millóns de toneladas de residuos téxtiles que se xeran en Europa cada ano
  • O Sergas e a ACIS trasládanlle a socios de interese como clústeres, Inditex ou Universidades este proxecto, co obxectivo de mellorar a cooperación nas cadeas de valor 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025.- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) presentan en Galicia o Proxecto Europeo Interreg Europe CEMTex, orientado a pechar o ciclo dos téxtiles médicos seguindo os parámetros da economía circular, e que comezou a andar este ano en Arnhem (Países Baixos).

O SERGAS e a ACIS son os únicos socios españois deste proxecto, que durará catro anos e que ten como coordinador á provincia holandesa de Gelderland, ademais de rexións de Dinamarca, Italia, Rumanía, Luxemburgo, República Checa e Ucraína. 

O acto de presentación tivo lugar na Consellería de Sanidade e contou coa presenza do xerente do Sergas, José Ramón Parada, do director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria en ACIS, José María Romero; a xerente de Galaria, Rocío Mosquera; e da coordinadora da área de Sustentabilidade do Sergas, Beatriz Piñeiro. Ademais, participaron stakeholders como o Clúster Saúde de Galicia, o Clúster Textil de Galicia (COINTEGA), Inditex, A Universidade de Vigo a través do Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ2) e da Facultade de Deseño; e a Universidad Politécnica de Valencia a través do departamento de Enxeñaría téxtil.

O obxectivo da xornada foi poñer o foco na necesidade de mellorar a cooperación das cadeas de valor, coa necesidade de que a innovación empresarial se axuste aos requisitos da atención sanitaria, sumando o coñecemento e puntos de vista de todas as partes implicadas para a consecución dos obxectivos.

O proxecto CEMTex, que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros, busca unha mellora da sustentabilidade e circularidade do modelo de uso dos materiais téxtiles médicos. Entre as actividades previstas procederase a identificar barreiras e oportunidades para cambiar o modelo actual e promover unha metodoloxía colaborativa innovadora, circular e ecolóxica.

Segundo indican os impulsores do proxecto, a maioría das emisións dos hospitais proceden de produtos téxtiles médicos, como batas, mascarillas e sabas, e a meirande parte acaban en vertedoiros ou incineradoras, contribuíndo de maneira significativa aos 5,8 millóns de toneladas de residuos téxtiles que se xeran en Europa cada ano.
O Proxecto CEMTex busca un punto de encontro entre os diferentes países participantes, con diferentes normativas en materia de residuos, para traballar nun obxectivo común co uso dos materiais téxtiles sanitarios.

Galicia é a única rexión española participante alineada neste proxecto, unha vez máis, coa Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, coordinada pola Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria. Esta iniciativa de longo alcance busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade, que sirva ademais como estímulo para continuar as medidas desenvolvidas desde hai xa 20 anos e sirva como referente  para outros sistemas sanitarios.

Unha serie de medidas que xa permiten  aforrar custes, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias públicas galegas. O obxectivo é acadar unha Galicia climaticamente neutra, con 0 emisións no 2040, conciliando a excelencia na atención sanitaria coa sustentabilidade.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.