- A iniciativa enmárcase no proxecto TransfireSaúde co que Galicia e Portugal buscan abordar os retos comúns do envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada liderada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde cun orzamento de 1,8 millóns de euros
Santiago de Compostela, luns 7 de xullo de 2025.- O pasado venres 4 de xullo, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) xunto coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) acolleron un novo intercambio formativo centrado na transferencia de coñecemento, no que participou o partenariado do proxecto TransfireSaúde.
Paula López, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e directora xunta do CiTIUS, inaugurou a xornada destacando o labor do CiTIUS, que se dedica á investigación en áreas como a intelixencia artificial, o deseño de sensores intelixentes, a microelectrónica e a visión por computador, con especial énfase na súa aplicación médica. López resaltou a aposta da institución pola internacionalización do centro a través dos proxectos que buscan dar visibilidade á investigación realizada no centro.
A continuación, Manuel Lama, Catedrático da USC e socio do proxecto TransfireSaúde por parte do CiTIUS, deu a benvida a José Luis Villaverde Acuña, da área de valorización, transferencia e emprendemento da USC, que ofreció unha charla sobre a estratexia de transferencia de coñecemento na universidade.
Durante a ponencia, José Luis abordou temas como a financiación da I+D na USC, sendo actualmente esta titular do 55-65% do coñecemento que xera. Así mesmo, entrou en temas como os programas que levan a cabo e as características dos diferentes proxectos. Tamén falou sobre o que son as empresas baseadas en coñecemento (EBCs), o seu regulamento de creación na USC e o impacto social destas na universidade. Finalizou a súa intervención facendo un alegato a favor do valor da ciencia.
A mañá continuou coa visita ao Inside the Lab, unha xornada de Demostración Tecnolóxica organizada polo CiTIUS, na que os socios puideron ver os seguintes demostradores relacionados con temáticas do proxecto: SAIA - Análise de imaxe médica animal; EmoTrack - Monitorización de emocións en tempo real; Carballo - Intelixencia artificial feita desde e para o galego; e BreastAnalyser - Análise da imaxe de cancro de mama. Entre estes, destaca o proxecto EmoTrack, desenvolvido polo equipo de TransfireSaúde no CiTIUS.
Visita institucional ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela
Despois dunha pequena pausa, o intercambio formativo continuou no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), onde os socios de TransfireSaúde puideron realizar unha visita guiada ás súas instalacións a mans do persoal investigador do instituto e compartir experiencias entre os investigadores galegos e os portugueses. A visita incluíu a visita a laboratorios e unha demostración práctica de organoides.
Unha vez rematada a visita, Pilar Morgade, directora da área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria na ACIS, agradeceu ao persoal do IDIS a acollida e a oportunidade de ver as instalacións e deu paso a Mabel Sampedro, responsable da área de transferencia e innovación na Fundación IDIS. Mabel presentou o modelo de transferencia de coñecemento no IDIS, analizando aspectos como os recursos obtidos, os estudos clínicos realizados en 2024 e a súa evolución. A ponente concluíu cun repaso ás innovacións e patentes xeradas durante o último ano.
O peche da xornada correu a cargo de José María Romero, director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria na ACIS, quen ofreció unha ponencia sobre a Compra Pública Innovadora (CPI), dando unha visión xeral de o que é e o que non é, así como os seus tipos e obxectivos. Tamén ofreció exemplos de CPIs realizadas na ACIS e no SERGAS. Conclúe destacando a CPI como seña de identidade do SERGAS e introducindo PRECISAÚDE como o novo plan de innovación sanitaria impulsado pola Consellería de Sanidade e o SERGAS a través da ACIS.
Este evento foi o terceiro intercambio formativo no marco do proxecto TransfireSaúde, unha serie de encontros que fomentan o intercambio de experiencias e coñecementos sobre transferencia de tecnoloxía e compra pública innovadora. O último destes encontros celebrarase a mediados de outubro e será acollido polos socios ACMP5 e 2CA-BRAGA.