ACIS en colaboración co Servizo Galego de Saúde celebrou o pasado 19 de novembro a xornada técnica de carácter internacional para a definición de principios de interoperatividade e innovación de APPs. Esta xornada enmarcase como resultado da liña de actuación de Empoderamento do Paciente do Plan de Innovación Sanitaria Código 100, executado no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 do Programa Operativo de Crecemento Intelixente (POCINT).
A inauguración da xornada correu a cargo do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que recordou que o crecemento do uso das tecnoloxías no ámbito sanitario é imparable, polo que é absolutamente necesario entender o entorno no que estamos e adaptarse a esta revolución que “xa está aquí”. Como exemplo da aposta de innovación por parte do Servizo Galego de Saúde, destacou proxectos como a plataforma de intercambio de información E-Saúde ou o proxecto Código100.
A xornada, dividida en tres mesas de debate, contou coa presenza de varios poñentes de prestixioso nivel nacional e internacional. Na primeira mesa de debate, moderada por Julien Venne da ECHAlliance, abordouse a temática dos estándares orientados á integración de solucións para o empoderamento de pacientes dende a perspectiva europea, coa presenza de actores clave da Comisión Europea, Servizo Galego de Saúde, Personal Connected Health Alliance e o Ministerio de Saúde de Portugal.
Na segunda mesa de debate moderada, por Pilar Farjas da Consellería de Sanidade, analizáronse as características funcionais e de usabilidade dende o punto de vista dos usuarios con casos de éxito como E-Saúde e TELEA do Servizo Galego de Saúde, iniciativas do País Vasco e Portugal, e a visión dos pacientes e a integración de servizos sociais e de saúde.
Na terceira e última mesa de debate moderada por Benigno Rosón, Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, abordáronse os modelos de arquitectura e estándares e normas europeas na implementación de solucións con proxectos como ACTIVAGE. A clausura da xornada correu a cargo do Secretario Xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada.