O proxecto TITTAN está a piques de rematar as actividades relacionadas coa segunda área temática do proxecto (innovación de dentro a fóra). O principal obxectivo desta segunda área é minimizar o baleiro que existe entre a innovación que se produce dentro do sistema de saúde pública e a súa transferencia cara o mercado. Durante este segundo semestre de vida de TITTAN fixéronse distintos talleres onde cada rexión mostrou a súas boas prácticas nesta área. Estas boas prácticas teñen como obxectivo incentivar o establecemento de ecosistemas de innovación, centrados no modelo da cuádruple hélice, onde participan administración pública, centros de I+D+i/universidades, empresas e usuarios finais.
Durante os días 16 e 17 de novembro, ACIS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Ramón Domínguez, trasladáronse a Almere, unha das rexións socias deste proxecto, para coñecer e aprender dunha das boas prácticas mostrada nestes talleres, denominada Health Factory.

Sergio Poza e José María Romero, Axencia de Coñecemento da Saúde (ACIS), Sandra Migchielsen, Health Factory (HF), Pablo Mosquera, Fundación Ramón Domínguez (FRD); María Herranz, Servizo Galego de Saúde.
Health Factory é unha organización sen ánimo de lucro centrada na innovación aberta, social e tecnolóxica, así como na creación de valor a través do análise do Big Data. Os seus proxectos están centrados nas persoas, e buscan mellorar a vida de anciás e de nenos e adultos con discapacidades. Almere é a cidade onde se atopan a súas oficinas. É unha cidade xove, de apenas 50 anos.
Trátase dunha organización multidisciplinar e flexible que vai máis alá do modelo de organizacións tradicionais. Pretende unir os diversos actores da sociedade implicados na saúde: goberno, industria, saúde, pacientes, educadores e investidores. Health Factory ofrece aos investigadores a oportunidade de reforzar a colaboración con outros actores relacionados coa saúde. Tamén é un centro para atopar novos socios cos que conseguir sinerxías en innovación e patrocinadores. Os proxectos son economicamente viables e sempre orientados ao mercado.

Wytse Miedema, Health Factory (HF)
Unha das iniciativas na que está involucrada Health Factory é Fieldlab. A idea principal é capacitar os profesores para estar actualizados especialmente no campo das novas tecnoloxías, inculcando ós alumnos as habilidades máis demandadas polas empresas e a propia idiosincrasia do século XXI. Ademais, poñen en práctica estas habilidades adquiridas polos alumnos dentro das propias escolas a través de pequenos proxectos nos que colaboran coas empresas. Todo tipo de empresas están implicadas nesta iniciativa, dende algunhas das cales son máis industriais, ata robóticas ou bio-sanitarias. Tamén teñen a oportunidade de facer prácticas nestas, seguindo as liñas dos proxectos máis innovadores iniciados nos centros educativos. Esta iniciativa na que as empresas teñen a oportunidade de probar os seus produtos relacionados coa saúde, é de gran interese para mellorar o Living Lab que se atopa no Hospital Universitario de Ourense.
Ademais, ACIS reuniuse o 27 de novembro cos Stakeholders galegos para programar as actividades dos próximos meses do proxecto TITTAN.