- Un total de 49 entidades de 14 países, entre elas ACIS e o SERGAS, reuníronse os días 6 e 7 de marzo en Sevilla co obxectivo de promover a transferencia e implantación de boas practicas na atención primaria entre os socios membros participantes.
Sevilla, 7 de marzo de 2023.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) forman parte do proxecto europeo Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care (CIRCE), destinado a transferir e implementar boas prácticas no eido da atención primaria.
Esta acción conxunta, coordinada polo Servizo Andaluz de Salud (SAS), terá unha duración de 3 anos, e conta ca participación de 49 entidades e organizacións de 14 estados da UE, entre elas ACIS e o SERGAS. O seu principal obxectivo é trasladar e pilotar 6 boas prácticas levadas a cabo na Atención Primaria de 4 estados (Bélxica, España, Portugal e Eslovenia) en 44 centros pilotos de 12 países.
As seis boas prácticas obxecto de transferencia son as seguintes:
1. Integrated Health Association – Valonia, Bélxica
2. TELEA: Home telemonitoring in Primary Care for chronic disease and Covid-19 – Galicia, España
3. Integrated care for complex chronic patients in Andalusia (Spain): Personalised care action plans (PAPs) – Andalucía, España
4. Essencial Project: Adding value to clinical primary care practice – Cataluña, España
5. ‘Health Action for Children and Youth at Risk’ & ‘Health Action for Gender, Violence and Lifecycle’ – Portugal
6. Health Promotion Centres (HPCs) – Eslovenia
A plataforma de teleasistencia domiciliaria do SERGAS para o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios (TELEA), resultou unha das practicas seleccionadas. A Comisión Europea tivo en conta os resultados positivos da aplicación na atención primaria galega e a capacidade para a súa pilotaxe noutras rexións.
O evento inaugural do proxecto, celebrado os días 6 e 7 de marzo en Sevilla e retransmitido online, estruturouse en dúas xornadas e contou ca participación de ACIS e do SERGAS, representado por Alfonso Alonso, Subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación, e Blanca Cimadevila, xefa do servizo de integración asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.
A primeira sesión arrancou ca intervención de Diego Vargas, Xerente do Servicio Andaluz de Salud; Loukianos Gatzoulis, Analista de Políticas na Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria, Comisión Europea; e Antonella Canalis, Responsable de proxectos CIRCE- JA na Axencia Executiva Europea nos ámbitos de Saúde e Dixital (HaDEA). Ademais, cada socio realizou unha breve presentación da súa organización e do equipo de traballo que participará na execución do proxecto. Para finalizar o día, presentouse o plan de traballo que se levará a cabo nos próximos 36 meses e os paquetes 1 a 4.
A segunda xornada comezou ca participación de Miguel Ángel Guzmán Ruiz, Viceconselleiro de Saúde e Consumo da Junta de Andalucía, seguida da presentación dos paquetes de traballo 5 a 7 e a exposición das boas prácticas obxecto de transferencia. Por parte da delegación galega, Alfonso Alonso describiu aos presentes o funcionamento e utilidades de TELEA para profesionais e pacientes.
O froito destas dúas xornadas de traballo foi sentar as bases para a correcta implantación das boas prácticas seleccionadas entre os estados membros participantes, acadando a mellora da atención primaria dos sistemas sanitarios europeos.