h1

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a primeira edición dos Premios de innovación en saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, para premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2019, así como as dos pacientes. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras nas cales os seus profesionais traballan, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Características dos Premios de innovación en saúde.
1. Os premios consistirán en:
 Modalidade de idea de profesionais: o premio consistirá nunha visita organizada a un centro innovador de ámbito internacional, a asistencia a cursos de formación ou a congresos relacionados coa innovación e contará cunha dotación económica máxima de 6.500 € para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención, cun límite de 1.625 € por persoa.
 Modalidade de idea de pacientes: o premio terá unha dotación económica máxima de 2.000 €, que se deberán empregar para a formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que o gañador desta modalidade seleccione.

2. O financiamento dos premios referidos no punto 1 anterior impútase á aplicación orzamentaria 2019.12.A1.411A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2019.

As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e a ACIS encargarase de contratar e pagar os gastos correspondentes ao premio de cada modalidade e aplicará as retencións fiscais que procedan sen superar en ningún caso os importes indicados.

3. Os gañadores das dúas modalidades de premios recibirán un diploma acreditativo.

4. Todos os gañadores poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar ano e organismo que convoca os premios.

5. As candidaturas que sexan galardoadas co premio deberán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para o seu posible desenvolvemento ou implantación no Servizo Galego de Saúde. O Servizo Galego de Saúde impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema.

Tamén poderán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para o seu acompañamento as catro ideas preseleccionadas e non galardoadas en cada unha das modalidades.

6. O Servizo Galego de Saúde poderá promover, de acordo cos ganadores dos premios, o desenvolvemento posterior das súas ideas nas súas instalacións e coa sua colaboración. No caso de que no marco destes desenvolvementos posteriores xurda un resultado susceptible de protección mediante un título de propiedade industrial ou intelectual, o Servizo Galego de Saúde tería o dereito, pero non a obriga, de protexelo sendo o Servizo Galego de Saúde o único titular deste, respectándolles a todos os seus participantes o dereito a seren recoñecidos como autores intelectuais e inventores seus.

A quen vai dirixido?
1. Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante), que deberá describirse tal e como se recolle no artigo 7 da Resolución do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e publícanse as bases reguladoras (clic AQUÍ).

2. Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4 incluído o representante).

Requisitos
Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.

Onde acudir
CONSELLERÍA DE SANIDADE
AXENCIA GALEGA PARA A XESTIÓN DO COÑECEMENTO EN SAÚDE
Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria

Avda. Fernando de Casas Novoa nº 37 - 1º
15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)
Teléfono: 981568055
Email: innovacion.acis@sergas.es

Órgano responsable
SERVIZO GALEGO DE SAÚDE (SERGAS)

Normativa
Ámbito Autonómico
Resolución do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da I edición dos Premios de innovación en saúde 2019 no Sistema Público de Saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (DOG nº 182 do 25 de setembro de 2019).​

Presentación de candidaturas
Clic AQUÍ