h1

Nesta sección imos tentar darvos resposta ás preguntas que normalmente nos facedes chegar

Quen se pode inscribir nas actividades formativas da ACIS?

En liñas xerais, poderedes inscribirvos todas aquelas persoas que esteades a traballar no Servizo Galego de Saúde, as que traballastes algunha vez no Servizo Galego de Saúde e as que estades nas listas de contratación do Servizo Galego de Saúde, aínda que non traballarades nunca. Ademáis, nalgunhas actividades tamén poderá participar outro persoal pero, nese caso, virá especificado no persoal destinatario da ficha do curso.

 

Como me podo inscribir nun curso?

A inscrición farase a través do apartado O meu perfil na web da ACIS. Lembra que se estás nun ordenador fóra da rede do Servizo Galego de Saúde vas precisar certificado dixital ou Chave365

 

Cando me podo inscribir nos cursos?

O período de inscrición está aberto dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG ata un mes antes do inicio de cada actividade formativa.

 

Podo realizar un curso estando de baixa?

Se é unha baixa de enfermidade, non. No momento de empezar a actividade formativa deberás estar de alta. Se é unha baixa de maternidade, podes realizar calquera actividade formativa que che permita a túa nova situación.

 

Podo realizar un curso que xa fixen con anterioridade?

Para realizar o mesmo curso deberán transcorrer, polo menos, 5 anos. Para as xornadas non existe tal limitación.

 

Que criterios seguides para admitir o alumnado?

Veñen establecidos na convocatoria que se publica no DOG e depende do tipo de plan ao que pertence a actividade formativa. De xeito resumido: Plan AFEDAP Plan PEF 1º Ser destinataria/o; loxicamente se o curso é para TCAE, non poden participar fisioterapeutas 2º Preferencia; cando no curso se establece unha orde preferente de admisión, serán admitidas antes as persoas con prioridade 1 que as de prioridade 2 3º Número de cursos realizados nos dous anos anteriores; serán admitidas primeiro as persoas que non fixeran ningún curso, despois as que fixeran un, despois as que fixeran dous e así sucesivamente. 4º Praza en propiedade; despois do criterio anterior, as persoas con praza en propiedade serán admitidas antes que as que non a teñen. 5.- Tempo traballado; dentro de cada grupo anterior, a orde será de máis a menos tempo traballado 1º Ser destinataria/o. Loxicamente se o curso é para TCAE, non poden participar fisioterapeutas 2º Preferencia. Cando no curso se establece unha orde preferente de admisión, serán admitidas antes as persoas con prioridade 1 que as de prioridade 2 3º Número de cursos realizados nos dous anos anteriores. Serán admitidas primeiro as persoas que non fixeran ningún curso, despois as que fixeran un, despois as que fixeran dous e así sucesivamente. 4º Data e hora de inscrición. Despois do criterio anterior, neste tipo de cursos terase en conta a data e hora de inscribirse no curso. Se despois de todos estes criterios houbese empate, resolveríase por sorteo. Resérvase un 5% das prazas de cada curso para persoas que teñan certificado de discapacidade As persoas que utilizasen unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada por coidade de filla/o ou unha excedencia para coidado de familiares terán preferencia dentro do seu grupo ao aplicar o terceiro criterio.

 

Qué é iso de AFEDAP e PEF?

AFEDAP son as siglas de Acordo de formación para o emprego nas Administracións Públicas. As actividades realizadas no marco deste plan de formación están financiadas cos cartos que nos descontan a todos para formación. PEF son as siglas de Plan Estratéxico de Formación. Son aquelas actividades promovidas pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde que son de interese para a organización.

 

 

Como podo saber se un curso é AFEDAP ou PEF?

Na web da ACIS podes descargar unha guía coas actividades de cada plan de formación. Tamén podes empregar a busca avanzada no buscador de actividades para seleccionar os cursos por plan.

 

 

Como sei se estou admitida/o?

As listaxes de admitidas/os, de reservas e de excluídas/os publícanse na nosa web 21 días antes de que empece o curso. Localiza o teu curso no buscador de actividades e pica co rato na icona do ollo que aparece á dereita de todo. Ademais, a ACIS enviaravos un correo electrónico e unha mensaxe SMS ás persoas que esteades admitidas. Convén que teñas ben cubertos estes datos no teu perfil ACIS para que non perdas estas notificacións.

 

 

Que podo facer se non estou de acordo coa miña exclusión?

Se consideras que non deberías estar excluída/o podes reclamar. Tes de prazo 10 días hábiles para facelo, contados dende o día da publicación das listaxes.

 

 

Se non fun admitida/o nun curso, podo asistir como oínte?

Non, non se admite a participación como oínte nas actividades formativas da ACIS.

 

 

En cantos cursos me podo inscribir?

Só podes solicitar a inscrición en 6 actividades por ano, independentemente de que resultes admitida/o ou non.

 

 

Se me dou de baixa dun curso, pódome inscribir noutro?

Podes, sempre que te deas de baixa antes de que remate o seu prazo de inscrición.

 

 

Como me dou de baixa dun curso?

Darse de baixa é moi fácil. Tes que localizar o curso, ben no buscador de actividades ou ben nas túas inscricións no ano. Picas no título da actividade que non queres realizar e no pé da ficha do curso aparecerán os botóns para darse de baixa do curso. Lembra que se te dás de baixa cinco días ou menos antes de que empece o curso sen xustificación ningunha recibirás unha penalización.

 

 

Como podo acceder ao programa do curso?

O programa docente co temario, lugar de impartición, horario e relatores está dispoñible na ficha do curso dentro do apartado Descarga de documentación.

 

 

Vou ter documentación dos cursos?

Por norma xeral, non entregamos documentación en papel. Poderás descargala no mesmo apartado, se o/a relator/a nos entregou a documentación. Lembra que non é obrigatorio que o profesorado entregue os seus relatorios. De facelo, aparecerá o subapartado Biblioteca virtual dentro da ficha do curso.

 

 

Fixen un curso na ACIS, cando vou recibir o certificado?

Dende que o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha o expediente electrónico (FIDES), a Axencia non envía certificados en papel. Se che corresponde, aparecerache automaticamente no teu expediente-e no apartado de Formación continuada e máster.

 

 

Podo pedir un certificado en papel ou en formato PDF?

Podes. Estamos traballando para que os nosos certificados os poidas descargar en formato PDF con validez de orixinal (asinados electronicamente e con código de verificación). De momento, témoschos que enviar en papel se os precisas para outras organizacións distintas ao Servizo Galego de Saúde. Para solicitalo tes que enviar un correo electrónico ao enderezo certificacions.acis@sergas.es indicando: Nome, apelidos e DNI Os cursos dos que solicitas os certificados o motivo da solicitude, deixando claro se son para presentar fóra de Galicia.

 

 

Fixen un curso na ACIS e non me aparece no FIDES; que ocorre?

Hai dous motivos polo que aínda non che aparezan os cursos realizados no teu expediente electrónico. Velaquí os tes: 1ª) Ás veces, a Comisión de Acreditación tarda en comunicar o número de créditos que lle outorga ás actividades formativas. Non podemos subirche os certificados ao FIDES ata que estean completos, incluídos os créditos. Neste caso é cuestión de tempo que che apareza. 2ª) Que non che corresponda o certificado: se é un curso presencial, se cadra non fuches todos os días ou, se había algún exame obrigatorio, non o aprobaches. Se é un curso de teleformación, se cadra non realizaches todas as tarefas obrigatorias. Se tes calquera dúbida, contacta connosco, estaremos encantados de informarte.