h1

ACIS coordina o proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network) xunto con outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); o Digital Health & Care Institute (DHI de Escocia en Reino Unido); a Lower Silesian Voivodeship Marshal Office (LSVMO da Baixa Silesia en Polonia); e o Concello de Almere nos Países Baixos.​


O proxecto financiado a través do programa Interreg Europe divídese en dúas fases. A primeira fase de intercambio de boas prácticas entre os socios do consorcio comezou en abril de 2016 e rematou en setembro de 2018 coa elaboración dun plan de acción por parte de cada un deles. A segunda fase, na que se está traballando actualmente, consiste na implantación dos plans elaborados durante a fase 1 e ten unha duración de 24 meses. O programa de Interreg Europe non prevé o financiamento desta fase polo que cada socio ten que asumir o custe de implantación das accións recollidas no plan cos seus propios recursos.

O plan de acción de Galicia consiste na implantación dunha rede de Living Labs de saúde nas áreas sanitarias de Galicia, chamada LABSAÚDE. Esta iniciativa trata de converter aos hospitais galegos e centros de saúde en contornas reais de probas de solucións innovadoras como paso previo de acceso ao mercado.

Labsaude.jpg

A rede baséase no modelo de cuádrupla hélice onde o sistema de saúde galego, a industria, a academia e a sociedade poden traballar conxuntamente nunha contorna real. Os usuarios finais poden influír no deseño das solucións reducindo os riscos de aceptación e facer máis eficiente o proceso de innovación. Os Living Labs lograrán un maior dinamismo e eficiencia do sistema de saúde que redunde en mellores prestacións de servizos ao cidadán.

Para a implantación do plan de acción proposto pola ACIS, e aprobado pola Secretaría Conxunta de Interreg Europe, a ACIS solicitou a aprobación e financiamento dunha acción piloto para probar o modelo de Living Lab no eido da saúde antes da súa implantación en todo o sistema de saúde de Galicia. A aprobación desta acción piloto require dun gran esforzo para o solicitante xa que se debe conseguir demostrar a relevancia e o impacto desta acción na sociedade. Isto vese reflectido no número reducido de accións piloto aprobados pola Secretaría no ano 2018, na que soamente 13 accións piloto foron aprobadas dun total de 133 plans de acción elaborados durante ese ano en proxectos de Interreg Europe. A acción piloto presentada por ACIS é unha de esas 13 accións piloto aprobadas e financiadas. Isto permitirá contar con financiamento europeo para realizar as accións previas necesarias para a implantación dunha rede de Living Labs de saúde en todo o sistema sanitario galego.