h1

Foron dous anos e medio de intercambio de experiencias e aprendizaxe interrexional, do semestre 1 ata o 5 (Fase 1), que chegan ao seu fin. A dinámica de traballo de TITTAN dividiuse en tres áreas temáticas diferentes. O intercambio de boas prácticas que se compartiron durante estes anos foron presentadas e debatidas nunha serie de obradoiros interrexionais. Botádelle unha ollada a este resumo: 

Compostela foi onde se realizou o primeiro Obradoiro Interrexional para intercambiar e referenciar as boas prácticas en materia de saúde que facilitan a transferencia de coñecemento, os produtos innovadores e os desenvolvementos tecnolóxicos (dende o sector privado cara aos sistemas de saúde pública). Centrouse na promoción da  CPTI e CPP, ou nas solucións innovadoras realizadas polas administracións públicas a través de diálogos colaborativos coas empresas. Visitouse o exemplo de referencia, o Hospital Álvaro Cunqueiro.

noticia1.png 
 
En Milán discutíronse boas prácticas sobre transferencia de tecnoloxía (dende a investigación dentro dos sistemas de saúde pública cara ao mercado), innovación aberta, plataformas colaborativas e telemonitorización. Os socios visitaron a Fundación Don Gnocchi, que abrangue diferentes ámbitos da asistencia sanitaria,  rehabilitación, o benestar social, servizos sociais terapéuticos e tamén fai un intenso labor de investigación científica e educacional en distintos ámbitos.

Nos obradoiros de Amsterdam e Almere realizáronse presentacións de boas prácticas apostando pola innovación no campo da nutrición para un envellecemento saudable e outras baseadas en tecnoloxía vangardista. Foron visitados os casos de referencia Health Factory (un living lab), Big Data Value Center (macrodatos) e Senior Live (innovación social).
En Edimburgo, o obradoiro de intercambio de coñecementos ligouse ao evento anual da Sociedade de Informática Británica e, polo tanto, había varios relatores de alto nivel como o ministro de saúde de Escocia. As boas prácticas exploraron cuestións relacionadas coas novas aplicacións das TIC no ámbito da saúde, outras iniciativas para un envellecemento activo e saudable ou sobre rehabilitación. O evento estivo ligado a unha visita in situ en Glasgow.

En Leipzig e Dresde as boas prácticas foron presentadas, discutidas e analizadas. Ademais, os participantes visitaron o Instituto Fraunhofer de Terapia Celular e Inmunoloxía en Leipzig e o Centro de Tratamento con Protóns en Dresde que mostrou novos tratamentos prometedores para o cancro. O evento tamén foi ligado a unha visita in situ.

Na Baixa Silesia organizouse un obradoiro "extra" para as boas prácticas de TITTAN  que faltaban por se presentar e organizouse unha visita de referencia ao sur do voivodato Dolnoslaskie para obter un coñecemento práctico sobre as vantaxes do tratamento balneoterápico para pacientes anciáns, o cal ofrece unha oportunidade de tratamento en moitas enfermidades, tanto pola auga que beben coma polos baños que toman. As estancias curativas combínanse con rehabilitación física.

file.jpeg 
 
Adicionalmente, organizáronse outras actividades dentro do proxecto TITTAN: visitas in situ entre unha rexión Mentora e unha Aprendiz. Nas visitas obtense un coñecemento máis profundo das boas prácticas máis interesantes presentadas nos obradoiros e que poden encaixar mellor dentro do seu marco rexional. Mantéñense co fin de lle brindar ao socio visitante a oportunidade de abordar preguntas específicas, recibir asistencia e traballar, de xeito conxunto, na preparación dos Plans de Acción. Os Plans de Acción detallarán como se porán en marcha e executarán as boas prácticas interrexionais nas propias rexións durante os vindeiros dous anos, dende o semestre 6 ata o 9 (Fase 2).

Agora que a Fase 1 está a rematar, todos os socios traballan intensamente na elaboración dos seus propios Plans de Acción que se basean nas leccións aprendidas dos outros socios de TITTAN.

Esperamos que a Fase 2 lles proporcione ás rexións socias unha verdadeira oportunidade para orientar o proceso de gasto dos seus fondos estruturais de cara a unhas prácticas políticas máis efectivas e orientadas a resultados para un envellecemento activo e saudable. Este é o verdadeiro obxectivo do proxecto.