h1

Durante o primeiro día da visita, as reunións realizáronse no Centro de Innovación Tecnolóxica de Glasgow. Pola mañá presentouse o programa Living it Up (LiU) a través de diversas reunións con diferentes xestores de proxectos. Janette Hughes, xefa de planificación de programas e rendemento do Digital Health & Care Institute (DHI) –socio do proxecto TITTAN–, comezou describindo o programa, iniciado en 2013, co obxectivo de desenvolver unha plataforma electrónica conxuntamente con socios locais de toda Escocia para o empoderamento dos pacientes e mellorar os seus hábitos no ámbito da saúde e a calidade de vida.

Escocia 25 de xuño.jpg

Posteriormente, Gemma Teal, investigadora da Glasgow School of Art que liderou a parte de codeseño dentro do LiU, explicou como se organizan os obradoiros de codeseño cos pacientes. Gemma describiu as diferentes actividades que ela e o seu equipo utilizan para involucrar a diferentes grupos de pacientes.

O profesor George Crooks, executivo principal do DHI, explicou as metas alcanzadas do programa e destacou os distintos servizos en liña que ofrece a plataforma entre os que destacan eventos locais, consellos doutros pacientes, funcionalidades como a videoconsulta co médico e información xeral sobre a saúde para lograr o empoderamento do paciente.

Finalmente, Charlone Chute, directora de tecnoloxía do DHI, concluíu a presentación sobre LiU indicando como certos elementos da plataforma están a ser recollidos no Centro de Demostración e Simulación do DHI co fin de crear unha nova plataforma aberta de comunicación cos cidadáns, accesible dende calquera lugar e dispositivo e que permita o acceso a servizos e contidos de saúde personalizados.

Pola tarde, Rui Cardoso, xefe de patrocinios de CivTech, presentou a outra boa práctica da visita in situ. CivTech reúne a experiencia do sector público e a creatividade do sector privado para resolver problemas reais, desenvolver novos produtos e ofrecer servizos mellores, máis rápidos e máis fáciles para todos os cidadáns.

Escocia 26 de xuño.jpg

Durante o segundo día, a xornada tivo lugar no edificio Interface da Universidade de Edimburgo, onde os funcionarios do Servizo Nacional de Saúde (NHS) e do Goberno de Escocia puideron coñecer as iniciativas de compra pública innovadora en Galicia da man de Susana Fernández Nocelo, coordinadora de proxectos europeos na ACIS, con exemplos como o proxecto europeo de Compra Pública Precomercial EMPATTICS ou os proxectos Hospital 2050 e InnovaSaúde. Por último, a visita in situ terminou nas instalacións de CivTech en Edimburgo para coñecer algúns exemplos de proxectos que se están a levar a cabo no seu espazo de cotraballo.