h1

Luís León, Director de Investigación da ACIS: “Coa Compra Pública Innovadora promovemos tecnoloxías que verdadeiramente respondan a retos sanitarios incentivando a I+D. Neste sentido dentro do programa de Terapias Avanzadas de Proxecto Código 100 queremos potenciar o desenvolvemento de proxectos que permitan aplicar a biopsia líquida no diagnóstico e monitoraxe de pacientes oncolóxicos”.

Máis de 350 oncólogos e investigadores reuníronse en Santiago de Compostela do 25 ao 27 de xaneiro de 2018 no III Simposio de Biopsia Líquida, organizado polo grupo de Oncoloxía Médica Translacional (ONCOMET) liderado polo Dr. Rafael López.

30012018_1.jpg
 
Esta reunión ten por obxecto servir como un foro de debate e discusión ao redor da biopsia líquida, técnica que detecta de maneira máis rápida e menos invasiva que a biopsia tradicional, células tumorais circulantes ou ADN tumoral en sangue e outros fluídos (saliva, ouriños…). Este procedemento está a estudarse en varios escenarios posibles, desde unha modalidade complementaria de diagnóstico en estadios iniciais da enfermidade, ata a selección e monitoraxe do tratamento en pacientes con enfermidade metastásica.
 
Luís León interveu co relatorio “Compra Pública de Innovación aplicada a oncoloxía: Plan de innovación Código 100”. Este plan pretende promover solucións tecnolóxicas non consolidadas aínda no mercado, pero con interesantes resultados preliminares e unha ruta clara en proxectos que necesitan un alto compoñente de I + D. En Código 100 o SERGAS actúa como promotor de desenvolvementos por parte de empresas, que finalmente poidan redundar no beneficio de pacientes do Sistema Público Galego de Saúde.
 
Imagen1.png
 
A presentación da Área de Investigación da ACIS puxo de relevo que os avances sanitarios son o resultado de axuntar esforzos e coordinar proxectos conxuntos entre os profesionais asistenciais, investigadores, e as empresas biotecnológicas, proporcionando ferramentas innovadoras que incidan directamente na saúde e calidade de vida do paciente.
 
Desde a ACIS damos o cordial parabén a Rafael López e Laura Muinelo, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago pola coidada organización e éxito deste evento chamado a converterse nun fito no desenvolvemento da Oncoloxía no noso país.
 30012018_3.jpg