h1

infodaysmontage.png

A Comisión Europea anunciou recentemente as súas novas prioridades de investigación estratéxica enmarcadas no Programa de Innovación  Horizon2020. Os proxectos de innovación en Saúde pertencen á “Societal Challenge 1 ( SC-1)” e mobilizará no período 2018-2020 ao redor de 2.000 millóns de euros a través de diferentes convocatorias de propostas.

ACIS tivo un rol relevante na definición do Programa de Traballo  H2020 representando os intereses de todas as CCAA españolas a través dun asento no Comité do Programa H2020, ocupado por Sergio Figueiras, Director da área de Innovación.

Para anunciar estas oportunidades de proxectos por valor de máis de 2000 millóns de Euros, a Comisión Europea organizou o pasado 8 de decembro un gran evento de información coa presenza de máis de 550 delegados de todos os países membros. Ademais, o 7 de decembro realizouse un evento satélite para abordar a convocatoria de proxectos de innovación executados a través de procedementos de Compra Pública Innovadora en CPI.

Durante este evento satélite, varias rexións e expertos presentaron as súas experiencias en CPI e proxectos potenciais para futuras convocatorias do  Horizon2020. A Comisión Europea convidou a  ACIS a participar. Durante a intervención, o Director de Innovación de ACIS, mencionou algúns dos proxectos Hospital2050 e Innovasaude que xa están en fase de implementación, así como os proxectos incluídos no Mapa de demanda anticipada de CÓDIGO100.

As conclusións do evento son moi positivas para Galicia. Delegados doutras rexións europeas e representantes da Comisión Europea apreciaron a visión e o compromiso do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) coa innovación en saúde e en particular coa promoción da Compra Pública Innovadora (CPI). O enfoque estratéxico, a participación dos profesionais sanitarios e as asociacións de pacientes e os primeiros diálogos coa industria foron as singularidades do modelo de innovación do SERGAS que máis impresionaron.

A audiencia mesmo recoñeceu durante a última sesión de peche "o que Galicia está a facer actualmente en CPI, non o está facendo ningunha outra rexión ou servizo de saúde en Europa".