h1

Baixo o lema “Retos Internacionais do Ecosistema Saúde. Solucións Locais”, o Complexo Hospitalario de Ourense, xuntará o vindeiro martes 26 de Setembro a axentes da innovación biosanitaria europea, que debaterán os principais retos e casos de éxito dos sistemas de saúde.

O evento, organizado polo Clúster Saúde de Galicia en colaboración coa European Connected Health Alliance (ECHAlliance), asociación europea que busca facilitar as conexións internacionais e impulsar o cambio sostible entre os distintos actores involucrados na prestación de servizos de saúde e asistencia social, reunirá a prestixiosos profesionais de diversos países para intercambiar experiencias de éxito en torno á temática da innovación en saúde con tres bloques diferenciados:

Bloque #RIES2017: Presentación de proxectos innovadores en Galicia e nos ecosistemas ECHAlliance: Estonia, Bruxelas, Cataluña. Procura de sinerxias.

Bloque #códigomáis: Primeiros resultados do proxecto Poctep Código Máis (Interreg Galicia-Norte de Portugal). O proxecto, liderado por ACIS, ten como reto a creación e dinamización dun ecosistema transfronteirizo de innovación no ámbito da saúde na área de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, que impulse a cooperación segundo o modelo da cuádrupla hélice (Administración, centros de I+D+i e Universidades, empresas e usuarios finais) e a valorización orientada ao mercado dos resultados da investigación.

Bloque #LivingLabOu: Visita ao Living Lab de Ourense, plantas experimentais e proxectos de investigación. O Living Lab de Ourense, apoiado por ACIS, sitúase dentro da infraestrutura do novo edificio de hospitalización do CHUO, sede do evento, onde se implantarán 24 proxectos piloto innovadores e se habilitará un espazo de co-creación para acoller e impulsar iniciativas e proxectos innovadores en saúde no que provedores de solucións sanitarias poderán testar os seus produtos e servizos.