h1

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) tense adherido ao “Acordo de Transparencia en Experimentación Animal”, iniciativa promovida pola Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE), coa colaboración da Asociación Europea para a Investigación Animal (EARA) e lanzado o 20 de Setembro de 2016.

Somos conscientes de que a investigación animal desempeña un papel fundamental na observación e estudo dos mecanismos biolóxicos que están implicados en enfermidades e no desenvolvemento de tratamentos médicos e diagnósticos. Sen o uso de animais, non teriamos a maioría dos medicamentos, antibióticos, vacinas e técnicas de laboratorio e cirúrxicas utilizadas en medicina humana e veterinaria.

O traballo científico realizado nos Institutos de Investigación Sanitaria nos que participa o Servizo Galego de Saúde e que contribúe a mellorar a vida das persoas fai uso de animais, por exemplo, en estudos de oncoloxía, cardioloxía, neuroloxía, descubrimento de fármacos, enfermidades metabólicas e enfermidades raras.

Promover o benestar dos animais de experimentación é unha cuestión fundamental para os investigadores que desenvolven o seu traballo no ecosistema sanitario galego, como tamén o é o estrito respecto e cumprimento da lexislación en materia de protección dos animais utilizados para fins experimentais e outros fins científicos, incluíndo o ensino.

O noso obxectivo é acadar os máis altos estándares de benestar animal, non só desde o punto da responsabilidade moral para eles, senón tamén porque non se pode acadar ciencia de calidade sen o benestar animal. Ningún proxecto de investigación que requira o uso de animais pode comezar sen a revisión ética necesaria e aprobación pola respectiva autoridade competente.

ACIS, como instrumento da Consellería de Sanidade con competencias neste campo, ocúpase tamén de colaborar en que tanto o persoal ao coidado dos animais como os investigadores implicados na experimentación teñen a formación e os coñecementos necesarios, e está comprometida en ofrecer os recursos requiridos para o axeitado mantemento dos animais de experimentación en termos de instalacións, mantemento, benestar e coidados veterinarios.

ACIS promove iniciativas de transparencia en experimentación animal, colaborando con intervencións en medios de comunicación ou participando na celebración de debates sobre o tema.