h1

O SERGAS, a través da ACIS (Axencia de Coñecemento en Saúde), presenta a iniciativa ESFORZA para captar recursos externos que axuden a trasladarlles aos pacientes proxectos de I+D. Trabállase sobre un portafolios de proxectos xa identificados e xerados dentro dun sistema no que destacan os tres institutos de investigación sanitaria e as tres fundacións de investigación biomédica. O conxunto engloba a máis de 100 grupos de investigación e preto de 1.100 investigadores.
Sin título.png 
 
Os proxectos seleccionados ratifican unha liña de traballo iniciada coa primeira entrega do programa PRIS, lanzada con fondos FEDER en 2013 e que mobilizou 2,6 millóns de euros en I+D. O PRIS destinou 1,4 millóns de euros a grupos de investigación do SERGAS e 1,2 millóns de euros a contratos co sector privado para completar as etapas de valorización dos proxectos de I+D. Unha vez analizados os resultados, a ACIS, co apoio de GAIN (Axencia Galega de Innovación), lanzou unha nova convocatoria. Seleccionáronse 10 novos proxectos con potencial para trasladar as tecnoloxías ao mercado e, polo tanto, aos pacientes.

O programa PRIS permitiu que varias tecnoloxías desenvolvidas nos laboratorios do SERGAS estean en fase avanzada de negociación para a súa translación ao mercado. Ao mesmo tempo, o programa contribuíu a poñer en marcha un novo modelo de transferencia que impulsa a innovación sanitaria no sector privado e no sector público, así como o emprendemento e a colaboración público-privada. A primeira edición supuxo avances nos campos da neuroloxía, rexeneración muscular, oncoloxía, nefroloxía, psiquiatría, cardioloxía, neuroloxía e microbioloxía. 

Os traballos permitiron establecer interaccións entre investigadores e investidores nacionais e internacionais e crearon interaccións con clústeres, asociacións industriais e outros programas de desenvolvemento, isto é, construíron unha base sobre a que seguir cimentando todo o esforzo dos profesionais: Desde o desenvolvemento dun kit de diagnóstico para cancro de colon que axuda a predicir a efectividade dos tratamentos oncolóxicos en certos pacientes ao proxecto liderado polo equipo do psiquiatra do CHUO, Alejandro García Caballero, que deseñou un videoxogo, unha curtametraxe e unha serie de exercicios visuais para pacientes con trastorno mental grave. A primeira edición do programa PRIS significou o punto de partida para establecer unha estratexia a medio ou longo prazo cunha visión global das necesidades e vantaxes do sistema. 

ESFORZA pretende agora asentar o modelo de valorización do PRIS a través da atracción de fondos procedentes de particulares e institucións interesadas en potenciar a I+D e a innovación en saúde. ESFORZA inspírase en programas de investimento con impacto social, frecuentes en países anglosaxóns. É unha iniciativa pioneira a nivel nacional que persegue un maior impacto social da I+D+i a través do desenvolvemento de tecnoloxías e solucións dirixidas ás necesidades dos pacientes, pero que, a súa vez, fomenten o emprendemento, cren postos de traballo e potencien a economía e a competitividade do país.​