h1

A reunión foi de grande interese e moi participativa. Un xornada de discusión e reflexións de moitos dos participantes que, de seguro, axudarán a completar e mellorar o informe de cara ao futuro. Quedou patente que en Galicia hai moitos divulgadores que fan un traballo excelente e motivado, a maioría das veces polo mero interese de lles comunicar a ciencia ao cidadán de a pé, aos nenos e aos maiores. Como di o programa da xornada: «A comunicación popular do coñecemento científico resulta esencial para o desenvolvemento dun espírito crítico da cidadanía, que facilite a interpretación das achegas da ciencia que hoxe en día fan parte de moitos aspectos da vida cotiá».

Ciencia en Galicia.png 
 
Moi importante é a educación. Nos centros educativos en xeral, dende a escola primaria ata a universidade, é preciso que os profesores fagan máis divulgación ademais de impartir os coñecementos curriculares. Deberían falarlles aos alumnos da diferenza entre ciencias e pseudociencias, ademais de usar contidos de actualidade e non só os presentes nos libros. No eido da educación destacan as Feiras da Ciencia ou a Semana da Ciencia, por exemplo. Estou seguro de que todo isto, ademais de aumentar a cultura científica, había fomentar tamén a nosa creatividade, como diría o británico Ken Robinson. 

O informe comenta que a prensa escrita dedica como máximo un 2,5% do seu espazo á ciencia e que non hai ningunha sección fixa de ciencia en ningún xornal galego impreso. Un problema da prensa é a falta de especialización de moitos xornalistas e o uso de temas pseudocientíficos. Só subsiste o suplemento “La voz de la escuela” de La Voz de Galicia e hai pouco columnista especializado en ciencia. 

Na televisión (pública ou privada) non temos presente ningún programa de longo percorrido sobre ciencia. Na radio, máis do mesmo. Cómpre destacar Historias del Tiempo (en V Televisión) e Efervesciencia (na Radio Galega) como os únicos superviventes.  O problema é que non só se lles dedica pouco tempo aos temas científicos en ambos os medios, senón que ademais, na maioría dos casos, préstaselles menos atención que ás pseudociencias. E isto xa é preocupante.

En canto ás charlas e actividades similares, temos de todo un pouco, xa que son moi próximas á xente e produtivas. Fanse a maioría a custo cero ou case sen custo económico. Algúns exemplos: os cafés-teatro científicos, Puntos Científicos, o programa ConCiencia, etc. No informe recóllese tamén que os recortes afectan a asociacións sen ánimo de lucro tales como a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, a Asociación Galega de Historia Natural... 

Con respecto ao mundo da internet, aquí a efervescencia no ámbito da divulgación científica é tan grande como variada. Aínda así, só temos unha plataforma dixital en galego “GCiencia” que nos mantén informados día a día sobre a ciencia global. Cabe mencionar tamén os contidos dixitais no e-Museo dos Museos Científicos Coruñeses, a revista con novas tecnolóxicas de Galicia Código Cero, o Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, unha chea de blogs adicados á ciencia e á súa divulgación etc. Tamén se menciona que os Museos Científicos, algúns deles de referencia, necesitan orzamento para mantemento e actualizacións. Cómpre destacar tamén o Servizo de Extensión Agraria polo seu labor educativo e de transferencia de tecnoloxía.

Para concluír, o informe sinala que a Administración da Xunta diminuíu moito o seu papel dinamizador da divulgación científica dende hai uns anos. Algunha axuda cae dende o FECYT, e para de contar. Con todo, na nosa terra facemos de todo aínda que as axudas brillen pola súa ausencia. A pesar da crise, algunhas iniciativa públicas Exper-i-ciencia (CSIC), Conciencia (USC) ou Ciencia que conta! (Univ. de Vigo) e privadas educaBarrié (Fundación Barrié) seguen subsistindo. Os representantes da Administración pública que asistiron á presentación do informe quedaron abraiados da cantidade de divulgadores e iniciativas de calidade de divulgación que temos en Galicia na actualidade. Así o manifestaron.  Esperemos que tomaran boa nota, e non só quede en palabras.