h1

Pola alta calidade e impacto internacional da nosa investigación, unha boa parte do coñecemento investigador conta con potencial para ser transferido ao mercado, xerando ao mesmo tempo un valor económico que vai estreitamente ligado ao valor asistencial que se persegue inicialmente. O Programa de desenvolvemento Pre-comercial dos Resultados da Investigación Sanitaria (PRIS), emerxeu en 2013 como unha aposta da Consellería de Sanidade para catalizar e impulsar as boas ideas dos nosos profesionais.
 
Tras recoller 65 propostas ao longo de dúas convocatorias, o programa PRIS converteuse no primeiro cartafol de proxectos con valor comercial da historia do Sistema Galego de Saúde. A carteira do PRIS parte dun coñecemento e unha experiencia propia do sistema e persegue un punto de valor comercial. O PRIS pretende que os proxectos conclúan o programa coa capacidade de avanzar por si mesmos e cunha ruta definida para chegar ao paciente.
 
O día a día de ACIS no PRIS consiste nun traballo de identificación, xestión e valorización desenvolvido en estreita colaboración coas Fundacións de Investigación biomédica galegas e cos profesionais do SERGAS. Nas etapas de desenvolvemento foméntanse as colaboracións empresariais. De feito, o cartafol de proxectos do PRIS ofrece oportunidades de investimento e valorización nas que o sistema entra en colaboración con entidades privadas.
 
O reto de desenvolver novos dispositivos médicos, tecnoloxías de diagnóstico mais eficientes ou terapias avanzadas no tratamento de certas enfermidades foi asumido con forza polos nosos profesionais. Os primeiros froitos do traballo desenvolvido durante a primeira edición do PRIS estanse a recoller a través da creación de Empresas de Base Tecnolóxica, acordos de licencia e acordos de I+D coa industria. No camiño tamén se beneficiaron pacientes galegos que participaron en ensaios clínicos dalgunhas das tecnoloxías desenvolvidas no PRIS.
 
Nestes momentos ACIS, co apoio e respaldo da Axencia Galega de Innovación, traballa na execución da segunda edición do PRIS. Esperamos que esta nova edición do PRIS atinxa e incluso supere os resultados da primeira volta. Dende ACIS confiamos en que o PRIS siga contribuíndo ao desenvolvemento científico, tecnolóxico e económico de Galicia a través de tecnoloxías e iniciativas creadas no noso sistema para beneficio dos nosos pacientes e da sociedade en xeral.
 
LOGO PEQUENO.png