h1

YouTube converteuse na rede social de difusión de contidos audiovisuais máis estendida e utilizada na internet. Os motivos principais polos que acadou tanta popularidade son: a súa facilidade para compartir os vídeos, sexa por inserción noutras páxinas web ou cunha simple ligazón; a inmediatez, podemos compartir un vídeo ao instante e as persoas que o visualicen, pola súa banda, poden darnos a súa opinión e, por último, permite difundir vídeo en calquera dispositivo, con adaptación á velocidade de conexión a cada liña da internet e sen necesidade de descargas ou esperas no dispositivo local.

Se dispoñemos dunha conta de Google (ou Gmail) poderemos utilizala directamente en Youtube, xa que este sitio pertence á compañía do famoso buscador dende o ano 2006. Se entramos en Youtube e iniciamos sesión coa nosa conta, poderemos subscribirnos ás canles que nos interesan premendo no botón vermello (sinalado na imaxe), ademais de facer comentarios ou suxestións nos vídeos así como gardar os nosos vídeos favoritos (xusto debaixo do botón “Subscribirse” hai unha opción chamada “Engadir a” e a continuación prememos en favoritos, para non perdermos o vídeo).

carracedo.png

Como adiantamos na introdución, a ACIS dispón de dúas canles de Youtube e podemos acceder directamente a elas dende a propia web da Axencia. No menú despregable de “Formación” prememos en “Autoformación” e, nesta sección, atoparemos as ligazóns a ambas as canles, que detallamos a continuación.

1. Canle “P2P Asistencial”

P2P son as siglas de “Do profesional para o profesional”. O obxectivo desta denominación é reforzar a idea de que a canle está aberta a todos os profesionais do sistema, non só para visualizar os vídeos, senón tamén para protagonizalos e difundir valioso coñecemento. Na elaboración destes vídeos participaron máis de 100 profesionais do sistema, que falaron sobre temas que se clasifican en 17 áreas de coñecemento:

  • Urxencias e coidados paliativos.
  • Cardiovascular.
  • Neurocirurxías.
  • Endocrinoloxía e metabolismo.
  • Pneumoloxía.
  • Pediatría.
  • Aparello dixestivo.
  • Oftalmoloxía.
  • Otorrinolaringoloxía.
  • Reumatoloxía.
  • Uroloxía.
  • Obstetricia e xinecoloxía.
  • Psiquiatría.
  • Alergoloxía.
  • Técnicas médicas
  • Cirurxía maxilofacial e odontoloxía.
  • Técnicas de enfermaría.

Os vídeos deste programa denomínanse “Pílulas formativas”, e responden ás necesidades formativas básicas no ámbito clínico con contidos breves e directos. Algúns exemplos destas pílulas son: “Claves para coñecer a hiperpotasemia”, “Realización dunha espirometría de calidade”, “Como actuar ante un episodio de síncope?” ou “Feridas en urxencias”; como podemos comprobar, temas concisos e directos grazas aos que podemos reforzar ou mellorar coñecementos dun xeito áxil.

A canle “P2P Asistencial” dispón de “Listas de reprodución”, que permiten agrupar e ordenar as pílulas formativas. Deste xeito podemos atopar todos os vídeos pertencentes a cada área do coñecemento baixo cada unha das listas de reprodución. Ademais permite visualizar todos os vídeos de cada lista de maneira continua e sen interrupcións.

Sin título2.png


        2. Canle “P2P Investigación e Innovación”

Nesta canle atoparemos unha maior variedade de contidos que na anterior. Nestas pílulas formativas difúndense aspectos dirixidos a mellorar as competencias dos profesionais do Sergas en materia de actividade investigadora e de posta en valor dos seus resultados a través da innovación.

Distribuído en listas de reprodución, está estruturado da seguinte maneira:

  • Metodoloxía da investigación.
  • Bioestatística.
  • Proxectos e xestión da investigación e da innovación.
  • Xestión de resultados.
  • Proxectos da Plataforma de Innovación Sanitaria.
  • Metodoloxía Lean

O obxectivo fundamental da canle “P2P Investigación e Innovación” é poñer o valor máis importante da nosa organización —o coñecemento— a disposición de todos, xa que os contidos aos que facemos referencia están dispoñibles en aberto na súa totalidade.

Algunhas estatísticas das canles de YouTube da ACIS:

Estatísticas canle “P2P Asistencial”

Rexións xeográficas principais (en canto a tempo de reprodución)

1. España 292.720 (21%)
2. México 276.035 (20%)
3. Colombia 153.714 (11%)
4. Arxentina 121.786 (8,7%)
5. Perú 119.927 (8,6%)
6. Chile 90.636 (6,5%)
7. Ecuador 61.701 (4,4%)
8. Venezuela 61.429 (4,4%)
9. Estados Unidos 52.096 (3,7%)
10. Brasil 24.086 (1,7%)
11. Bolivia 21.136 (1,5%)
12. O Salvador 14.296 (1,0%)
13. República Dominicana 13.509 (1,0%)
14. Costa Rica 11.979 (0,9%)
15. Uruguai 11.491 (0,8%)

Os 10 vídeos máis populares (contido en castelán):

1. Guía rápida para interpretar unha espirometría 248.648 minutos (18%)
2. Diagnóstico e tratamento da síndrome Guillain-Barré 143.541 (10%)
3. Trombose venosa profunda en Urxencias 84.458  (6,0%)
4. Técnica de punción lumbar paso a paso 77.022  (5,5%)
5. Feridas en Urxencias 44.407 (3,2%)
6. Fibrilación auricular: que cuestións debemos saber 44.091 (3,2%)
7. Indicar e pautar osíxeno nas situacións de urxencia 35.145 (2,5%)
8. Diagnóstico e tratamento das infeccións do tracto urinario nos servizos de Urxencias 34.609 (2,5%)
9. Canalización dunha vía central de acceso xugular. Como o fago? 28.805 (2,1%)
10. Claves para coñecer a hiperpotasemia 26.653 (1,9%)

Estatísticas canle “P2P Investigación e Innovación”

Rexións xeográficas principais (en canto a tempo de reprodución)

1. México 338.575 (22%)
2. España 301.347 (20%)
3. Perú 262.740 (17%)
4. Colombia 216.575 (14%)
5. Chile 72.668 (4,7%)
6. Ecuador 71.845 (4,7%)
7. Arxentina 62.307 (4,1%)
8. Venezuela 37.737 (2,5%)
9. Guatemala 19.480 (1,3%)
10. Bolivia 18.238 (1,2%)
11. Brasil 15.823 (1,0%)
12. República Dominicana 13.672 (0,9%)
13. Costa Rica 12.473 (0,8%)
14. Estados Unidos 12.010 (0,8%)
15. Uruguai 10.717 (0,7%)

Os 10 vídeos máis populares (contido en castelán):

Vídeo e Tempo de visualización (minutos)

1. ANOVA: Análise da varianza 215.136 (14%)
2. Xestión de proxectos con PMBOK 202.019 (13%)
3. Investigación cualitativa: cando o importante é entender, non contar 158.243 (10%)
4. Que raio é un Odds Ratio OR? Medidas de efecto 103.949 (6,8%)
5. Da pregunta de investigación ao protocolo. Pasos previos ao inicio do estudo 90.759 (5,9%)
6. Cuestións de supervivencia: da curva de Kaplan-Meier ao modelo de Cox 75.499 (4,9%)
7. Introdución ao software estatístico R 65.825 (4,3%)
8. Deseñando un estudo de etioloxía: estudos de casos e controis 57.300 (3,7%)
9. A pregunta para investigar 45.298 (3,0%)
10. Modelos loxísticos de regresión de resposta binaria 31.995 (2,1%)

Para rematar, queremos expresar o noso agradecemento a todos os profesionais do sistema que fixeron posible as canles de Youtube da ACIS, e animámosvos a contactar connosco se tedes suxestións ou propostas de novos contidos.

LOGO PEQUENO.png