h1

SAGES. O proxecto de redución do consumo de gases medicinais asociados á extracción de gases anestésicos nos quirófanos nace dunha necesidade detectada polo Servizo de Mantemento da EOXI de Santiago de Compostela.

 

A Plataforma de Innovación axudou a desenvolvelo localizando a unha empresa capaz de ofrecer unha solución técnica e disposta a implicarse na realización de probas piloto a través de prototipos. Os resultados foron moi positivos, cun aforro do gasto de aire medicinal superior ao 50% co uso do novo dispositivo.

 

Tras a súa implantación en todos os quirófanos da EOXI de Santiago, prevese a súa extensión a todos os centros hospitalarios de Galicia. Máis información:Sages.pdfSages.pdf.

 

FEMORA. O proxecto de formación para persoal de enfermería con mobilidade e realidade aumentada materializouse nunha ferramenta virtual de utilización sinxela que permite acceder a información e recursos didácticos sobre procedementos e protocolos clínicos, deseñada para que os profesionais poidan consultalos no momento en que os precisan para aplicalos in situ.

 

Trátase dun proxecto de innovación formativa con gran impacto na práctica asistencial que se está testando en hospitais galegos. A plataforma web FEMORA contempla inicialmente 22 tutoriais sobre protocolos clínicos comúns á atención primaria e á atención hospitalaria, desenvolvidos en colaboración por máis dun centenar de profesionais do Sergas de toda Galicia. O equipo continúa traballando sobre 33 novos procedementos para seguir alimentando a ferramenta.

 

Os recursos didácticos están dispoñibles en formato vídeo, con documentos de consulta complementarios, e permite a visualización en smartphones a través da captura de códigos QR para facilitar a mobilidade dos profesionais. Máis información: Femora.pdfFemora.pdf